INTERNACIONAL

Reanúdanse as negociacións entre Palestina e Israel cun novo alto ao fogo

Reanúdanse as negociacións entre Palestina e Israel cun novo alto ao fogo

Durará 72 horas e visa empurrar as negociacións que decorren no Cairo. 

A nova tregua ten por obxecto contribuír a calmar os ánimos na mesa de negociación instalada en Exipto e na que se atopna representadas as organizacións políticas palestinas e unha delegación chegada desde Tel Aviv. 

O acordo adoptado instaura un cesamento ao fogo de 72 horas após unha intensa xornada de agresións por parte de Israel na Faixa de Gaza que causaron a morte a 5 gazatís. Pola súa banda, a resistencia armada palestina continuou a lanzar foguetes contra os puntos israelitas máis próximos á fronteira que unicamente causaron danos materiais. 

A tregua, que deu comezo na medianoite desta segunda feira visa empurrar as negociacións que decorren na cidade do Cairo. Sobre a mesa, a proposta palestina que exixe ao Estado de Israel non só o cesamento das agresións contra a Faixa, senón tamén, o levantamento do bloqueo imposto contra Gaza en 2006, xunto coa abertura dun porto e dun aeroporto neste territorio. 

O levantamento do bloqueo a Gaza na axenda internacional

Neste senso, o xefe do Buró Político de Hamas, afirmou que a ofensiva militar iniciada por Israel o pasado 8 de xullo "elevou o bloqueo a Gaza á axenda internacional". De feito, nos últimos días, un manifesto asinado por até 60 premios Nobel e nomes de importante sona internacional demanda o levantamento desta medida contraria ao dereito internacional e que tornou Gaza no "maior cárcere de prisioneiros ao ar libre, como o describen os poucos que o visitaron", afirman. 

O manifesto é apoiado por 66 Nobel e 203 [email protected] e toma parte dunha campaña iniciada en 2009 pola ONU Peacelines. O Dalai Lama e Desmond Tutu (Premios da Paz),Dario Fo (Premio de Literatura), o cineasta francés Jean-Luc Godard ou os escritores israelitas David Grossman e Amos Oz, son algunhas das persoas asinantes.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios