Reactívase a mesa de diálogo constatando que as posicións aínda están "moi lonxe"

A xuntanza entre Sánchez e Aragonès esténdese durante dúas horas, antes de que departiran os equipos de negociación. Os dous presidentes valoran a vontade de dialogar e acadar acordos para dar unha saída política ao conflito en Catalunya.
Pedro Sánchez, presidente do Estado, e Pere Aragonès, presidente de Catalunya, antes de comezar a mesa de diálogo. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, presidente do Estado, e Pere Aragonès, presidente de Catalunya, antes de comezar a mesa. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O maior dos Mossos d’Esquadra, Josep Lluís Trapero, recibiu con honores a Pere Aragonès, presidente de Catalunya, pouco antes das tres da tarde desta cuarta feira, na súa chegada ao Palau da Generalitat, no centro de Barcelona.

Minutos despois, fixo o mesmo co presidente español, Pedro Sánchez, que se atopou co mandatario catalán xa no interior da sede do Govern para pasar revista á garda de gala dos Mossos e, posteriormente, manter unha reunión previa á segunda xuntanza da mesa de diálogo bilateral, tras unha paréntese de máis dun ano e medio con respecto á primeira, aínda con Quim Torra presidindo a Generalitat.

Boicot de Junts

A reactivación do foro entre Catalunya e Estado estivo marcada nas últimas horas pola saída de Junts da delegación catalá, ao intentar colocar na mesa a militantes do partido (entre eles Jordi Turull e Jordi Sànchez, presos políticos indultados hai uns meses) que non forman parte do Govern, o que levou a Aragonès a excluílos, matizando que sería aceptada calquera proposta composta polos membros do gabinete.

Ao final, por parte de Catalunya participou a conselleira de Presidencia, Laura Vilagrà, e o titular da Consellaría de Empresa e Traballo, Roger Torrent, así como o president.

Polo Estado, acompañou a Sánchez a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; a voceira do Executivo español e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez; o ministro de Cultura, Miquel Iceta, e o de Presidencia, Félix Bolaños, encargado de coordinar os traballos.

Despois de case dúas horas de reunión, Sánchez e Aragonès posaron cos equipos da mesa de diálogo bilateral, e, ao tempo que as delegacións comezaban a xuntanza, compareceron por separado para dar conta do falado.

Vontade de buscar solucións

A primeira intervención correspondeu ao presidente estatal, que malia recoñecer que as “posicións están moi lonxe”, gabouse de que a mesa de diálogo bilateral “supón a vontade entre Gobernos de buscar solucións baseadas no diálogo e no acordo”.

Ambos Executivos “coincidimos en que hai que traballar con presa pero sen pausa, e sen prazos”, explicou Sánchez, que defendeu que o “clima social e político en Catalunya é mellor que hai un ano, e nun ano será mellor”.

Sánchez xustificou a “axenda para o reencontro” que propón o Goberno estatal, e que presentou como base da futura “unión”, pero “para dialogar e acordar temos que escoitarnos”, sinalou, lembrando que “a sociedade catalá pediu cousas nestes anos sen que ninguén escoitara”.

Na súa quenda, Aragonès reiterou que a pesar da distancia entre as posicións duns e outros a proposta máis inclusiva que se poder facer é un referendo de independencia acordado “onde todas e todos poidan expresar a súa voz”, incidindo na necesidade de continuar debatendo sobre a amnistía e a autodeterminación.

Reinicio da negociación

Asemade, considerou que este “non foi un segundo encontro, senón o reinicio dun proceso de negociación após a inactividade, froito da pandemia pero tamén da represión”.

O president subliñou que “a mesa de negociación é o instrumento axeitado para avanzar na resolución do conflito”, e fixo fincapé en que son precisas solucións políticas para aspirar a unha saída do conflito entre o Estado e Catalunya.

Sen mencionar a Junts, Aragonès destacou que hai que fortalecer e recuperar a unidade de acción, “a delegación catalá está liderada polo Goberno da Generalitat, e teño a vontade de ampliar os seus membros en calquera momento”.

Comentarios