Intensifícase o apoio de Prisa a Ciudadanos

A reacción unionista coloca a suma de PP e CS no Estado perto do 50 por cento do voto

A suma do PP e de Ciudadanos -48,5 por cento- aproximaríase ao teito histórico do centro-direita e da direita no Estado español de se confirmaren as tendencias dos últimos inquéritos publicados. Por separado obterían unha folgada maioría absoluta no Congreso. Coa fórmula dun PP hexemónico no espazo da direita e UPyD como complemento, as forzas conservadoras alcanzaron en 2012 49,33 por cento dos sufraxios (44,63 PP, 4,70 o virtualmente desaparecido partido de Rosa Díez). Un récord agora ao alcance da man para o unionismo conservador.

 

Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)
photo_camera Albert Rivera, nun acto en Vigo (Foto: Ciudadanos)

A crise do réxime de 1978 -traducida na quebra do sistema bipartidista tradicional- está neste momento a resultar nun escorregamento do eleitorado cara a posicións de direita ou centro direita [nesta análise falamos exclusivamente das forzas de ámbito estatal]. Aliás, sería un erro interpretar os dados nunha lóxica de esquerda-direita. En realidade, a chave que está a operar as mudanzas no taboleiro é esencialmente a nacional: isto é, a resposta que desde España -a realidade socio-política distinta das nacións sen Estado, Galiza, Catalunya e Euskal Herria- se está a dar perante a emerxencia do soberanismo e nomeadamente do proxecto de construción dun Estado catalán independente.

Dito doutro xeito, o ascenso de Cs explícase basicamente porque o partido de Albert Rivera é neste momento o referente españolista con maior capacidade de crecimento. Éo por distintas razóns: porque é un partido aínda non contaminado pola corrupción -en contraste cun PP que apodrece por ela-, porque é unha formación relativamente nova -sobre todo en España, non tanto en Catalunya, onde naceu hai 11 anos- e porque entronca con certas tendencias na política internacional -o fenómeno Macron en Franza, o de Trudeau en Canadá. Cs, a diferenza do PP, é unha forza con atractivo para capas medias urbanas que no pasado votaron PSOE. O seu potencial de crecimento chega até o límite de Podemos, unha fronteira inalcanzábel para o PP.

O ascenso de Cs explícase basicamente porque o partido de Albert Rivera é neste momento o referente españolista con maior capacidade de crecimento.

Hai outro factor que explica a súa explosión: o apoio indisimulado de fraccións significativas do poder mediático, nomeadamente do grupo PRISA. Cs é neste momento para o diario El País -o mascarón de proa da compañía presidida por Juan Luis Cebrián- o que desde a súa fundación en 1976 foi o PSOE. Tanto que nas súas páxinas viu a luz este sábado o primeiro inquérito, facturado por Metroscopia, que coloca a formación liderada por Albert Rivera como primeira forza eleitoral do Estado. O inquérito atribúelle a Cs 27,1 por cento, face 23,3 por cento de PP e 21,6 por cento do PSOE de Pedro Sánchez. Xa moi lonxe das primeiras prazas aparecería Podemos e as confluencias, con 15,1 por cento.

"Grazas ao seu talante pactista e pragmático e empoleirado pola crise catalá e a súa firme defensa da España constitucional, Cs conseguiu representar unha España centrista, reformista e dinámica", editorializa este domingo El País a xeito de interpretación da sondaxe de Metroscopia. Toda unha profesión de fe a favor do partido laranxa.

A sondaxe de Metroscopia vai alén de todas as publicadas até o de agora ao colocar no teito histórico as expectativas de Ciudadanos (o promedio delas está recollido no gráfico de Electrograph que acompaña esta información), mais en todo caso a tendencia é a mesma en todas elas: o bloco do centro-direita e direita supera longamente o do centro-esquerda e esquerda, o que indicaría unha mudanza de fundo sociolóxica no eleitorado español. Até agora a plusmarca da direita española obtívoa o PP cando, con Rajoy como cartaz, en 2012 conseguiu a maioría absoluta con 44,63 por cento, percentaxe que completaría a UPyD de Rosa Díez co 4,70 por cento dos sufraxios (total: 49,33). Para facérmonos unha idea da profundidade da reviravolta bastaría un dado: nas primeiras eleccións após a ditadura, a direita obtería 42,65 por cento dos votos (UCD 34,44 por cento, AP 8,21), unha percentaxe inferior ao 43,11 do conxunto do centro-esquerda e esquerda (PSOE 29,32, PCE 9,33 e PSP 4,46).

O bloco do centro-direita e direita supera longamente o do centro-esquerda e esquerda, o que indicaría unha mudanza de fundo sociolóxica no eleitorado español

En todo caso, e de acordo co promedio dos inquéritos recollido por Electrograph -neles non se recolle o impacto da sondaxe de Metroscopia- o bloco conservador tería neste momento 48,5 por cento dos apoios (28 por cento PP, 20,5 por cento Ciudadanos), en tanto que o conglomerado progresista ficaría en apenas 40,1 por cento. Unha diferenza moi sustantiva, de 8,4 pontos. É certo que aquí cabe facer unha precisión: o eleitorado de Cs non se percibe a si propio como unha freguesía conservadora, senón que máis ben se autositúa no centro e con non poucas franxas de ex votantes de PSOE e até de Podemos. Mais obxectivamente neste momento o partido de Rivera é unha forza conservadora, quer polas súas formulacións en política económica -até máis neoliberais en ocasións do que o propio PP- quer polo seu desacomplexado españolismo en materia territorail.

En todo caso, hai unha razón a primeira vista que explica o escorregamento do eleitorado español cara a latitudes conservadoras: a reacción unionista no Estado acha o seu vehículo natural na proposta centralista sen matices de Ciudadanos. Non pode ir pola vía do PP -queimado pola corrupción- nen pola do PSOE ou Podemos, vistos como demasiado ambiguos polos sectores da opinión pública española máis hostís ao nacionalismo (o discurso de Pedro Sánchez de nación de nacións ou a defensa de Iglesias dun referendo pactado ranxen en largos sectores da sociedade española). Mais ese non é o único factor. En Franza a cuestión nacional é residual e as formacións da esquerda -quer a socialdemócrata quer a de estirpe marxista- están moi fóra de foco, sen capacidade de disputar o poder político.

   

Comentarios