Reacción na rúa e na rede ao feche de Cultura en Bolivia

A clausura do ministerio foi decidida por Áñez alegando a necesidade de recortar gastos para destinalos ao combate da COVID-19 no país. 
bolivia
photo_camera Unha imaxe recollida pola campaña lanzada en Facebook.

Artistas de Bolivia protestaron nas últimas horas, marchando de xeito pacífico, polas rúas da capital, La Paz, despois de se coñecer o feche do Ministerio das Culturas e do Turismo o pasado 4 de xuño por parte do Goberno de facto de Jeanine Áñez.

Os manifestantes tamén están a desenvolver unha campaña nas redes sociais para denunciar a medida, nomeadamente en Facebook, baixo o título de "Son artista, non son un gasto absurdo", recóllense imaxes e outros testemuños, que reflicten as mobilizacións dos creadores nas rúas, con consignas como "Son Cultura".

Ademais, segundo informan os medios locais, tamén se desenvolven diversas accións baixo o paraugas de "Todos somos cultura", un amplo movemento asociativo que coordinou catro paros de artistas en Santa Cruz de la Sierra, a cidade máis poboada de Bolivia. Os seus integrantes exixen "un orzamento para Cultura non menor ao 1%", ademais da reapertura do ministerio fechado.

Os paros foron convocados ademais pola Asociación de Grupos Folklóricos de Santa Cruz, a Asociación de Artistas Circenses, a Federación de Músicos Unidos, a Asociación de Músicos de Orquestras, o Sindicato Boliviano de Artistas en Variedades e a Asociación de Músicos Cristiáns.

A clausura do ministerio foi decidida por Áñez alegando a necesidade de recortar gastos para destinalos ao combate da COVID-19 no país. Segundo o ministro de Economía, José Luís Parada, con estas medidas o país aforrará, nun inicio, 129,5 millóns de pesos bolivianos (16,5 millóns de euros).

Máis de 15.000 contaxios

Bolivia superou nas últimas horas os 15.000 casos de coronavirus ao confirmar máis de 600 novos, segundo informaron as autoridades sanitarias. Esta cifra chega tres meses despois de rexistrar o primeiro contaxio.

A respecto das vítimas mortais, suman máis de 500 en total, segundo o balance recollido pola axencia de noticias boliviana ABI. O departamento máis afectado é Santa Cruz, con arredor de dez mil casos, seguido por Beni, con case tres mil; Cochabamba, con perto de 1.500; La Paz, chegando ao milleiro; e Oruro, que ten máis de 300. 

O Ministerio de Saúde informou que 2.261 persoas lograran recuperarse da enfermidade e que hai 1.602 casos sospeitosos.

Comentarios