Raxoi abandona tamén o liderado do PP

Anuncia que deixa a presidencia do PP "porque é o mellor para min e o mellor para o partido, o mellor para España". Puro Raxoi até na despedida. "Estarei ás ordes de quen elixades", díxolles aos integrantes do Comité Executivo. Unha clarísima alusión a Aznar, o ex líder que o elixiu dixitalmente e que agora asesora a Ciudadanos. Raxoi anunciou un congreso extraordinario para escoller o novo líder. Feixóo está en todas as apostas, mais non é desbotábel que se abra paso outra opción, con Ana Pastor como referente alternativo.

Mariano Rajoy_PP
photo_camera Raxoi

Non era o previsíbel, mais Raxoi quixo dar a surpresa no seu último acto político grande, o seu discurso perante o Comité Executivo da formación conservadora. Derrocado da Moncloa por unha moción de censura formulada polo PSOE e propulsada cos votos soberanistas, os marianólogos apostaban en que Raxoi se mantería no cargo para pilotar a transición. Até había quen especulaba con que puidese tentar un retorno á Moncloa. Non foi así. Anunciou unha "pronta celebración dunha Xunta Nacional" para abrir o proceso conducente á realización dun Congreso Extraordinario do partido que elixa a persoa que lle dará o relevo.

Presidente do PP desde 2004, Raxoi debullou na súa intervención os seus 37 anos no partido conservador, anos en que "o servín desde multitude de cargos, desde concelleiro en Pontevedra até presidente do goberno de España". Enfatizou que non se postulou para ningún deles, senón que sempre foi chamado pola organización para ocupalos. "Hei seguir con vós. Non imaxino a miña vida fóra do PP. Non vou deixar o carnet. Alí onde me atope hei estar convosco, á orde de quen escollades", afirmou.

As palabras de Raxoi -emitidas cun considerábel auto-control emocional- provocaron unha fechada e longa ovación que o aínda líder do partido tentou apagar en varias ocasións até que os aplausos foron remetindo. A súa decisión "é o mellor para o PP e para min. Tamén para España. O demais non importa nada", recapitulou.

Comentarios