O primeiro presidente que volta á súa actividade profisional

O abandono de Raxoi é total: deixa o escano e pide o reingreso como rexistrador da propiedade

Un final abrupto e aparentemente sen volta atrás. Raxoi nen sequer contempla a hipótese de solicitar o seu ingreso no Consello de Estado, o órgao que preside Romay Beccaría. Destarte, ficaría sen ningún tipo de aforamento.

Rajoy
photo_camera Raxoi fala desde o escano que acaba de abandonar

37 anos de vida política con cargos institucionais. O primeiro presidente da historia do réxime de 1978 deposto por unha moción de censura. E o primeiro tamén que pide o seu reingreso á súa carreira profisional, neste caso como rexistrador da propiedade. Non voltará a Santa Pola -pois a súa praza xa está cuberta- e, dada a súa antigüidade, todo indica que podería conseguir o traslado a Madrid.


Raxoi renunciou esta sexta feira ao seu escano no Congreso, en congruencia co abandono da presidencia do partido, que exerce de maneira interina mentres non se realizar o congreso da súa sucesión. Ao abandonar o seu asento na cámara baixa, renuncia a realizar oposición ao Goberno de Sánchez no período en que o partido debate sobre quen o debe relevar.

Será momentaneamente o portavoz do PP, Rafael Hernando, quen confronte con Sánchez durante o interregno que vive o partido, á espera de que os aspirantes ao cetro abandonado por Raxoi dean o primeiro paso para abrir a competición interna.

Comentarios