37 anos de vida política con cargos institucionais. O primeiro presidente da historia do réxime de 1978 deposto por unha moción de censura. E o primeiro tamén que pide o seu reingreso á súa carreira profisional, neste caso como rexistrador da propiedade. Non voltará a Santa Pola -pois a súa praza xa está cuberta- e, dada a súa antigüidade, todo indica que podería conseguir o traslado a Madrid.
Raxoi renunciou esta sexta feira ao seu escano no Congreso, en congruencia co abandono da presidencia do partido, que exerce de maneira interina mentres non se realizar o congreso da súa sucesión. Ao abandonar o seu asento na cámara baixa, renuncia a realizar oposición ao Goberno de Sánchez no período en que o partido debate sobre quen o debe relevar.
Será momentaneamente o portavoz do PP, Rafael Hernando, quen confronte con Sánchez durante o interregno que vive o partido, á espera de que os aspirantes ao cetro abandonado por Raxoi dean o primeiro paso para abrir a competición interna.