A oposición armada a Al Assad rexeita a proposta rusa

O rascuño de nova Constitución siria omite a palabra "árabe" no nome do estado

Algunhas fontes sobre o terreno interprétano como unha chiscadela a Irán, aliado de Bashar al Assad. O rascuño foi elaborado por Rusia. A oposición armada a Damasco rexeita a proposta.

Bashar al -Assad e Vladimir Putin
photo_camera Bashar al-Assad e Vladimir Putin

Rusia xoga un papel central en Siria neste momento, non só no plano militar (o rol da súa aviación está a ser decisivo na derrota das forzas rebeldes e dos grupos jihadistas), senón tamén no político. Tanto é así que, nas recentes conversas de paz decorridas os pasados días 23 e 24 de xaneiro en Kazaxistán, Moscova apresentou un rascuño de nova Constitución para o país. O documento foi estudado non só por Damasco, senón tamén pola oposición armada siria, Turquía (que copatrocina co Kremlin o cesar-o-fogo no país) e por Irán.

Segundo Russia Today, que tivo acceso ao rascuño, a principal mudanza da lei suprema atinxiría o nome do Estado: a República Árabe Siria pasaría a se chamar simplesmente República de Siria.

"A República de Siria é un estado democrático independente e soberano que se basea nos principios da sociedade, a supremacía da lei, a igualdade, a unidade social e o respeito ás liberdades de todos os cidadáns sen distinción algunha", reza o documento, que fai fincapé no "respeito"  a todas as "crenzas e grupos relixiosos"

A eliminación da palabra "árabe" do nome do Estado obedece a dúas cousas: a transmitir ás minorías nacionais -nomeadamente o pobo curdo, mais tamén as e os armenios- que a intención de Damasco é acentuar aínda máis o laicismo e tamén, en segundo termo, a facer unha chiscadela a Teherán. O papel da potencia persa está a ser tamén moi relevante sobre o teatro de operacións -a meio da milicia Hezbolá- e Irán vería con bos ollos un certo afastamento de Siria das correntes islamistas.

O curdo pasaría a ser lingua cooficial do Estado conxuntamente co árabe

Na parte normativa, a nova Constitución poría o acento na "integridade territorial do Estado" e nese sentido estipúlase que calquera modificación das fronteiras da República de Siria debería ser ratificada a meio dun "referendo nacional".

Que di a oposición?

A resposta dos autoproclamados rebeldes -presentes nas conversas de paz- é de non aceitación do papel de Rusia como tutelador do proceso.

"Os rusos puxeron o proxecto sobre a mesa e nen sequer o recollimos", dixo un portavoz da oposición armada a France Press

Comentarios