Rajoy tenta fechar un acordo orzamental co PNV ao ver inevitábel a emenda á totalidade do PSOE

A chave dos orzamentos do Estado para 2017 está neste momento nos 5 escanos do PNV, sendo que a ponte de mando do PP dá por feito que o PSOE apresentará unha emenda á totalidade.

Urkullu-Feijoo-
photo_camera Urkullu, nunha recente cimeira con Feijóo

A análise de Génova é que en condicións internas normais o acordo orzamental co PSOE sería posíbel, mais Ferraz está lonxe de viver na normalidade, cunha xestora claramente escorada a prol de Susana Díaz e a hipótese dun eventual retorno de Pedro Sánchez ao primeiro plano. Nesas condicións, o aparato ao mando do PSOE non se pode permitir o luxo de viabilizar os orzamentos dun Rajoy ao que xa lle deron, vía abstención, o pasaporte para continuar na Moncloa. Un acordo do susanismo coa Moncloa sobre as contas sería un regalo en bandexa de prata para Sánchez na carreira congresual que máis cedo que tarde terá que se abrir no PSOE.

Así as cousas, todos os focos están postos en Sabin Etxea, a sede do PNV. O ponto de partida é que Rajoy prefire o acordo a unha situación de desgoberno por falta de orzamentos que o levase a ter de convocar eleccións na primavera. Hai certos sinais de desaceleración económica -o PIB terá un crecimento menor en 2017 do que en 2016- e demasiados factores de instabilidade -con eleccións en Europa en Franza, Alemaña e os Países Baixos- que desaconsellan a Génova unha nova comparecencia perante as urnas. Non se fían das enquisas, embora os rivais pola esquerda estean a atravesar crises internas non pequenas. E non se fían porque o PP continúa a ter dous problemas eleitorais básicos: a falta de atractivo do seu candidato e o imprevisíbel factor Ciudadanos. O partido laranxa estase a revelar como un socio moi pouco confiábel para o PP (como ten demostrado ao se aliar con PSOE e Podemos na Mesa do Congreso) e mantén un perfil deliberadamente baixo, que afasta e blinda Rivera do desgaste que si están a sofrer os demais actores do taboleiro.

A historia alimenta unha hipótese de acordo entre PP e PNV. En 1996, cunha situación parlamentar tamén moi precaria, Aznar chegou a unha entente con Arzalluz que anos atrás tería sido dada por virtualmente imposíbel. Vinte anos depois, todo indica que a confluencia é verosímil. Os 5 escanos do PNV permitirían que as contas de Rajoy alcanzasen os 175 votos. Non sería a maioría absoluta, mais o regulamento da cámara indica que de persistir o empate na votación das contas -en concreto de se alcanzar unha terceira votación- as emendas á totalidade decaerían automaticamente. Así, o debate xa non sería sobre os orzamentos no seu conxunto, senón sobre aspectos parciais. E aí, entenden desde a Moncloa, o PSOE xa se aviría a negociar partida a partida.

Que vai pór o PNV sobre a mesa?

Na axenda de negociación con Sabin Etxea, hai dous asuntos estrela: a renegociación do cupo -Ajuria Enea pensa que paga de máis polo concerto económico ao Estado- e o empurrón final á alta velocidade ferroviaria de conexión da meseta. Hai unha cuestión máis, que o Estado aceite que as comunidades autónomas dispoñan de liberdade para fixaren a xornada laboral do seu corpo funcionarial, despois de o Estado apresentar un recurso contra a lei vasca que estabelecía as 35 horas para as súas funcionarias e funcionarios.

Son asuntos de envergadura, mais de negociación non insalvábel. O pragmatismo de Urkullu, ao deixar fóra da axenda o direito a decidir, imponse polo lado vasco, como tamén o fai o de Rajoy polo lado español: a día de hoxe, a Moncloa prefire un acordo co PNV, embora sexa precario, á incerteza de novas eleccións.

Comentarios