Rajoy presenta o guión da España intervida: Suba do IVE e recortes ao funcionariado e desempregad@s

O presidente anuncia no Congreso a suba do IVE do 18 ao 21%, a supresión da paga extra ao funcionariado, recortes nas perpecións por desemprego e novos impostos. Todo iso en hora e media e defendendo que non hai outra saída posíbel á crise

Mariano Rajoy gardou a tesoura mais para sacar a machada. O presidente español anunciou no Congreso dos Deputadas unha longa lista de recortes e de medidas que van afectar moi directamente á cidadanía do Estado español. Abondoulle hora e media para anunciar a suba do IVE, recortes no desemprego, novos paos ao funcionarado, novos impostos en eidos como o ambiental e unha reforma da administración local que reforzará  o papel das deputacións.

IVE

Rajoy anunciou que o Imposto de Valor Engadido (IVE) vai subir do 18 ao 21 por cento no seu tramo superior. E que este incremento tamén se reflictirá no IVE reducido, que pasa do 8 ao 10%. Só o supereducido se mantén (4%). Estudos da Organización de Consumidores e Usuarios realizados nestes días cifraban que unha suba do IVE en termos como os anunciados por Rajoy pode supor para o peto da cidadía un desembolso de case 1.000 euros máis anuais pola cesta da compra. 

Desempregad@s

O presidente do Goberno español tamén anunciou un recorte importante para aqueles novos perpectores de desemprego, que a partir do sexo mes xa cobrarán só o 50% da prestación. Rajoy xustificou esta medida na necesidade de incentivar ás persoas paradas a buscar traballo.

Funcionariado

O funcionariado, máis unha vez, volve estar no albo das tesouradas do goberno español. Alén de reducir os 'moscosos' (días de libre disposición), tamén quedarán sen a paga extra de Nadal. 

Administración local

O presidente do executivo central anunciou tamén que vai adoptar unha serie de medidas dirixidas a aforrar 3.500 millóns de euros na administración local. Para iso, reforzarán o papel das deputacións provinciais, reducirase nun 30% o número de cocnelleiros e cocnelleiras (segundo os tramos de poboación) e fixarase o salario de alcaldes e edís. 

Alén diso, Rajoy anunciou o estabelecemento de novos impostos en ámbitos como o ambiental. 

O presidente xustificou estas medidas volvendo recurrir a que non hai alternativa posíbel ás mesmas e que, por moi duras que sexan, son necesarias para sair da crise.

Comentarios