Rajoy outorga veracidade aos sms con Bárcenas e, porén, dá a entender que non vai demitir

18 de Xaneiro de 2013. Do celular do presidente do goberno español sae um sms en dirección a Bárcenas: "Luis, enténdoo. Sé forte". Algo menos dun ano antes, Rajoy escrebía esta mensaxe: "Luis, nada é doado. Pero facemos o que podemos". Hoxe Rajoy, en conferencia de imprensa, deu veracidade aos sms que cruzou con Bárcenas. Porén, deixou entrever que non vai demitir. Mentres, Bárcenas afirmou perante o xuíz Ruz que en 2008, 2009 e 2010 fixo entrega de sobresoldos a Rajoy e Cospedal.

Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

A última trincheira de Rajoy é presentarse como vítima dunha chantaxe. "O Estado de Direito non se submete a chantaxes", dixo. El é o Estado de Direito. Os sms que se cruzou con Bárcenas existen, iso admitiuno implicitamente o presidente do Goberno. Segundo A Moncloa, o seu contido demostraría que Bárcenas non foi quen de consumar a chantaxe.

Mais hai algúns sms que non pintan unha historia entre un chantaxista e un chantaxeado. Mais ben debuxan a complicidade entre Rajoy e Bárcenas (non só, entre Rajoy e Bárcenas, tamén entre aquel e a muller deste). En Xaneiro de 2013, Rajoy escrébelle o seguinte a Bárcenas: "Luis, enténdoo. Sé forte". Rajoy pedíalle ao ex tesoureiro do PP que resistise. Sempre houbo moita confianza política e persoal entre Rajoy e Bárcenas. Non en van, este chegou á tesourería do partido da man de aquel, que o promocionou desde o seu anterior cargo de xerente.

"Luis, enténdoo. Sé forte". Sms de Rajoy a Bárcenas. Xaneiro de 2013. Non parece o sms de alguén que estexa a ser chantaxeado

"Luis, nada é doado, pero facemos o que podemos". Novo SMS de Rajoy a Bárcenas. Febreiro de 2012. Non parece o ton de quen se está a ver submetido a unha chantaxe.

En realidade, o diario El Mundo publica hoxe unha información segundo a cal a chantaxe non sería de Bárcenas a Rajoy, senón ás avesas, de este a aquel. Emisarios do PP -un dos cales afirmaría estar a falar directamente de parte de Rajoy- comunicaron a Bárcenas que se contaba todo o que sabía ao xuíz Ruz a súa muller iría directamente á cadea. Caso contrario, de se manter calado, Rajoy destituiría a Gallardón, ministro de Xustiza, para proceder a introducir os cambios precisos na Fiscalía que garantisen o feche en falso, a nulidade, do caso seguido contra Bárcenas.

Bárcenas está nestes momentos a declarar na Audiencia Nacional e, polo que ten trascendido do que lle leva dito ao xuíz, a pretensa chantaxe da Moncloa non tería sido coroada co suceso. O ex tesoureiro tería relatado ao maxistrado Ruz que fixo entregas de sobresoldos a Rajoy e Cospedal en 2008, 2009 e 2010.

De por parte, Rajoy enfatizou que a estabilidade política é un valor que neste momento ten o Estado español e é un dos capitais que lle vai permitir saír da crise. Engadiu que vai rematar o seu mandato porque non quer pór en risco esa estabilidade, o que significa que non vai demitir, tal e como lle solicita a práctica totalidade da oposición parlamentar.

Comentarios