Rajoy bota a lingua a pacer e indigna a Escocia coas súas opinións sobre o proceso independentista

O presidente español dixo que ese país ficaría fóra da UE de se independizar. Unha opinión dita en comparecencia oficial que está a ser moi criticada polos medios de comunicación escoceses e mesmo británicos. O propio goberno escocés saíu ao paso e veu dicirlle a Rajoy que do que non saiba, que non fale.

Rajoy
photo_camera Rajoy nunha comparecencia

Mariano Rajoy, presidente do goberno do Reino de España, compareceu oficialmente con François Hollande, presidente da República de Francia, após unha xuntanza oficial entre ambos os dous gobernos. No transcurso da súa intervención oficial, Mariano Rajoy, presidente do goberno do Reino de España, e coa intención de zouparlle ao proceso soberanista catalán, afirmou que Escocia ficaría fóra da Unión Europea de se independizar. 

Hai quen interpretou que España ameazaba con vetar unha Escocia independente na UE

Mais as declaracións de Rajoy caeron como unha bomba en Escocia, por consideralas unha inxerencia nun proceso de autodeterminación no que nada pinta o Estado español. E quen tería que pintar algo, Reino Unido, comprometeuse xa hai meses a aceptar o resultado da consulta independentista que Escocia fará en 2014. Por certo, tampouco en Londres sentaron ben as declaracións de Rajoy, como recolle a BBC.

“Señor Rajoy, lea”

O propio goberno escocés saíu a través dun voceiro oficial ao paso da opinión de Mariano Rajoy para lle recomendar que antes de falar lese o amplo documento (case 700 páxinas) no que se detalla todo o que ten a ver co proceso que se está a viver na vella Alba. E, de paso, para insinuar que do que non se sabe é mellor que non se fale.

En Escocia e Reino Unido pregúntanse que tal lle sentaría a Rajoy que presidentes de estados europeos se puxesen a opinar sobre o proceso soberanista catalán

Tamén no mundo educativo o que dixo Rajoy foi acollido con sorpresa e indignación. Segundo Vilaweb, na Universidade de Glasgow, Thomas Lundberg, preguntou se esas declaracións anticipan un posíbel veto de España a que unha Escocia independente estea na Unión Europea.

“Acción hostil”

“Ese veto" suporía, indica Lundberg, unha “acción hostil non só contra Escocia, senón tamén contra o Reino Unido” pois Londres deu luz verde á realización da consulta escocesa en 2014.

Mesmo magazines británicos de tendencia consrvadora (The Spectator) cargaron contra Mariano Rajoy polas súas frases sobre Escocia.


 

Comentarios