Rajoy entra na campaña escocesa e di que a Edimburgo lle levaría anos voltar á UE

Salmond afirmou días atrás que falara con España a respeito da súa intención de ficar na UE. A resposta chegoulle esta cuarta feira no Congreso.

En declaracións realizadas a Scotsman, o primeiro ministro de Escocia, Alex Salmond, afirmou que mantivera conversas con diversos Estados da UE -entre eles o español- a respeito da súa pretensión de, unha vez atinxida a independencia, ficar na Unión.

Pois ben, pouco demorou Rajoy en revelar a posición do seu goberno ao respeito. Previsíbel como sempre, o presidente do Executivo español aproveitou unha pergunta do PNV no Pleno do Congreso para enfatizar que a unha Escocia independente lle levaría anos recuperar a condición de membro da Unión Europea.

8 anos

Cantos anos? Non o dixo Rajoy, mais si deu unha pista ao salientar que o proceso de integración do Estado español, desde o momento en que o solicitou formalmente, prolongouse por espazo de 8 anos.

“É evidente que se unha parte dun Estado se separa, convértese ela propia nun terceiro territorio a respeito da UE. Eles poden pedir a integración e comezar un proceso que pode levar anos. No caso de España, levou 8 anos”, dixo Rajoy.

Rajoy di que a principal diferenza entre Escocia e Catalunya é que Edimburgo "virtualmente non ten competencias"

O presidente do Goberno respondía así unha pergunta formulada polo portavoz do PNV, Aitor Esteban, quen inquiriu a Rajoy literalmente o seguinte: “Se a campaña do SI gaña esta quinta feira o referendo en Escocia, facilitará o seu goberno a integración de Escocia na UE”.

Conversas con 28 Estados

Rajoy dixo ter falado a este respeito con dirixentes dos 28 Estados membros da UE e que “todo o mundo” na Unión acha que “estes procesos son tremendamente negativos porque xeran recesións económicas e máis pobreza para todos”.

Tais procesos, resaltou, constitúen un “torpedo para as vulnerabilidades da UE”, unha organización que, dixo Rajoy, foi criada para integrar estados, non para os fragmentar. “Estados fortes é o que precisamos hoxe”, dixo.

Concluíu Rajoy tentando fuxir de calquera paralelismo entre Escocia e Catalunya. “Hai moitas diferenzas entre o proceso de Escocia e o de aquí. A principal é que Escocia, se a comparamos con Catalunya ou con outras comunidades, virtualmente non ten competencias”.

Comentarios