Rajoy explicará o 1 de agosto no Congreso o financiamento irregular do PP

Empurrado pola presión política e dos mercados á que se viu submetido, con informes do Deutsche Bank incluídos en que se falaba sobre a hipótese de "sacrificar" ao presidente do Goberno español, este puxo data á súa comparecencia para explicar de onde viñan os cartos que de maneira irregular recibiu o seu partido durante 20 anos

photo_camera [Imaxe: flickr Partido Popular]


Entre 1999 e 2011 o Partido Popular estaría a recibir diñeiro para o seu financiamento de maneira ilegal. Así o recollían as anotacións do ex tesoureido da formación conservadora, Luis Bárcenas, que posteriormente foron confirmadas nas investigacións ao redor deste escándalo polo que non só a oposición política senón tamén os mercados pediron xa a cabeza do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy. Un informe do Deutsche Bank xogaba coa hipótese de o "sacrificar" politicamente.

Afeito a fuxir das preguntas da imprensa refuxiándose nunha pantalla de plasma e afeito a non dar explicacións nin sequera no Congreso, Rajoy viuse avocado desta volta a escoller 'comparecencia' fronte á moción de censura que o xefe de filas do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, tiña xa anunciada. 

Rajoy -apoiado polos seus diarios amigos- quer vender a idea de que o Estado está a piques de saír da crise e de que o que el considera a estabilidade política é chave para rematar a faena. Nese sentido, tentará minimizar o escándalo que ten producido na opinión pública o coñecimento da forma en que se ten financiado o seu partido durante dúas décadas, o tempo de xestión de Luis Bárcenas ao fronte da tesourería do PP.

E quer minimizar tamén o impacto da súa comparecencia facéndoa pasar por un exercicio propio do presidente do Goberno en que rende contas sobre a situación económica que atravesa o Estado. El propio llo explicou así ao xornalista que lle formulou a pregunta sobre se interviría no Congreso, sinalando que falaría arredor "da situación económica e política". E acrecentou: "tamén falarei sobre a cuestión que lle preocupa", en relación ao xa baptizado como 'caso Bárcenas'. Porén, o que Rajoy terá que explicar é de onde viñeron os cartos que o PP recibiu de maneira ilegal durante polo menos 20 anos e como 'recompensou' tales doazóns.

Comentarios