Golpe de Estado contra Catalunya

Rajoy anuncia a destitución de Puigdemont e Junqueras e eleccións no prazo máximo de 6 meses

[ACTUALIZADA ÁS 17:17H] O Senado asume as competencias do Parlament, quen non poderá nen investir novo presidente nen se reunir para facer unha declaración unilateral de independencia.

[Imaxe: Moncloa] Consello de Ministros
photo_camera [Imaxe: Moncloa] Consello de Ministros

“Non se poden facer as cousas peor” [en alusión ao Govern catalán]. Así comezaba Mariano Rajoy, presidente do Goberno central, a súa intervención após o Consello de Ministros extraordinario que tivo lugar na mañá do sábado para xustificar as duras medidas que acordou o Executivo do Partido Popular, apoiado –segundo expresou de maneira explícita Rajoy– polo PSOE e por Ciudadanos.

En rolda de imprensa, o presidente do Goberno central explicou que solicitará ao Senado a destitución de Puigdemont, Junqueras e de todos os consellers que forman o Consello de Goberno catalán. O exercicio das funcións, informou Rajoy, corresponderá aos órganos e autoridades que cre ou designe o Goberno central, que van ser directamente os Ministerios. Entre outras as medidas de calado, os xestores que designará a Moncloa en substitución do Govern serán quen controlen a TV3. Todas as medidas, dixo Rajoy, apoiadas polo PSOE e por Cs.

PP, PSOE e Ciudadanos –as forzas políticas que acordaron estas medidas– só contaron co 38% do voto nas últimas eleccións catalás

Ademais, Rajoy afirmou que se insta o Senado a disolver o Parlament e a convocar eleccións no prazo máximo de seis meses. “É o que quere a maioría e é o que di o sentido común”, salientou o presidente do Goberno central, malia ser coñecedor de que entre PP, PSOE e Ciudadanos –as forzas políticas que acordaron estas medidas– só contaron co 38% do voto nas últimas eleccións catalás.

A Administración da Generalitat, dixo Rajoy, de acordo co artigo 71 do Estatuto de Autonomía, “continuará funcionando como administración ordinaria”, mais farao baixo as directrices dos Ministerios. Aliás, o Senado asumirá as competencias do Parlament, que non vai poder nomear novo Goberno nin convocar a sesión plenaria que fixe a declaración unilateral de independencia (DUI).

En resposta a unha pregunta dos medios, o presidente do Goberno español confirmou que a TV3, a televisión pública catalá, estará controlada polos novos xestores. Así, os medios públicos que pasarán a estar dirixidos polos xestores que ordene o Goberno español. O obxectivo do Executivo de Mariano Rajoy pasa por dar "información obxectiva, veraz e equilibrada". O Col·legi de Periodistes de Catalunya xa condenou a intervención prevista na TV3 e Catalunya Ràdio. Nun chío en Twitter, cualifica de "ataque á liberdade de expresión" a medida de control dos medios públicos cataláns.

Os Mossos tamén poderán verse afectados por estas medidas. Neste sentido, os documentos da Moncloa apuntan a unha substitución da policía catalá pola Gardia Civil ou a Policía Nacional "se for necesario". O executivo español tamén prevé "acordar o despregue das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Catalunya" en coordinación cos Mossos, en caso de que non sexan relevados das súas competencias.

Na súa comparecencia, Rajoy insistiu en que non se suspende a autonomía de Catalunya, mais na práctica as medidas que anunciou representan unha suspensión contra o poder executivo e lexislativo do Govern e do Parlament.

Os obxectivos

Na rolda de imprensa, o presidente do Goberno central afirmou que os obxectivos da aplicación do artigo 155 da constitución española son catro: "Primeiro, voltar á legalidade; segundo, recuperar a normalidade e a convivencia, que se deteriorou moito en Catalunya, terceiro, continuar coa recuperación económica e cuarto, celebrar eleccións en situación de normalidade.

Carles Puigdemont anunciou que fará unha declaración institucional ás 21h deste sábado. Ás 17h está previsto que participe na manifestación convocada para pedir a liberdade "dos Jordis", os líderes dos colectivos soberanistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, enviados á cadea sob a acusación de sedición. Esta mesma mañá coñecíase que a Fiscalía ultima unha querela contra o presidente da Generalitat por un delito de rebelión, que está penado con até 30 anos de prisión.

O Pleno do Senado, a sexta feira

Segundo acordou a Mesa do Senado nunha reunión extraordinaria este sábado -co único voto en contra da representante do PNV e cos votos a favor do PP e do PSOE-, o pleno que aprobará as medidas anunciadas por Rajoy terá lugar ás 10h da sexta feira, 27 de outubro. Será pola tarde cando o Consello de Ministros as faga efectivas.

Comentarios