Interrogatorio na Audiencia Nacional

Rajoy basea a súa estratexia en que ignora a xestión das finanzas do PP

Durante case 2 horas declarou como testemuña da Gürtel Mariano Rajoy, a primeira vez que un presidente do goberno en exercicio participa nun xuízo. A estratexia de Rajoy foi a de asegurar que ignorou e ignora como se xestionan as finanzas do Partido Popular. O presidente da sala da Audiencia Nacional considerou impertinentes un bon feixe das perguntas realizadas pola acusación, o que facilitou as cousas a Rajoy.

Screen Shot 2017-07-26 at 10.09.42
photo_camera Mariano Rajoy

"Recórdoo perfeitamente". A estratexia de Rajoy na súa declaración como testemuña perante a Audiencia Nacional non foi a de se acubillar en eventuais lagoas da súa memoria. A declaración é histórica por ser a primeira vez que un presidente en exercicio comparece perante un tribunal como testemuña. Faino no caso Gürtel, unha causa de corrupción en que o propio PP está a ser imputado como tal, por presuntamente se ter beneficiado economicamente da trama investigada.

As primeiras perguntas da acusación gravitaron arredor de cal era o organigrama do Partido Popular durante os primeiros anos da trama e que competencias tiña Rajoy durante a época en que asumiu a dirección de campañas eleitorais.

Rajoy esclareceu que a última vez que dirixiu unha campaña foi "hai 17 anos largos" e enfatizou que as súas funcións eran estritamente políticas. "Coñecía vosté os aspectos económicos?" [da campaña], perguntou a acusación. "Absolutamente non".

"As miñas responsabilidades son políticas. Non de contabilidade", respondeu tamén Rajoy á cuestión de se coñecía a existencia dunha contabilidade B, a que tería levado como tesoureiro Luís Bárcenas.

Pablo Crespo

No interrogatorio, a acusación interesouse por coñecer a relación entre o presidente do goberno e Pablo Crespo, figura central na trama da Gürtel e a finais dos 90 secretario de Organización do PPdeG. Rajoy dixo que no momento en que Crespo estaba ao mando do partido na Galiza el xa non tiña responsabilidades na organización galega, "eu estaba en Madrid". A súa relación -"política e nada estreita"- era só a que se producía ao coincidir en actos políticos do PPdeG cando Rajoy, ministro no Estado, voltaba a Galiza nas fins de semana.

Asegurou a este respeito que non tivo nengunha relación con Crespo unha vez que este, xa desligado dos seus cargos no PPdeG, se mudou a Madrid para alí traballar con Francisco Correa, o cerebro da trama.

Reaccións políticas

A primeira no cenario estatal foi a do líder de Unidos Podemos, Pablo Iglesias. O secretario xeral da formación morada dixo que plantexaría ao PSOE -co que mantén un comité de coordenación no Parlamento- a petición de comparecencia no Pleno de Rajoy. Amagou, mais unha vez, coa formulación dunha nova moción de censura, a única forma de remover Rajoy da Moncloa porque, enfatizou, el non vai demitir.

Por súa parte, Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, reiterou a súa petición de demisión: "Hoxe, 26 de xullo, é un día negro para a historia da nosa democracia. Señor presidente, pense en España e dimita".

O BNG marcou posición sobre asunto a meio dun comunicado en que a formación nacionalista tilda a declaración de Rajoy de "prepotente" e, afirma, supón un retrato dun PP "trufado pola corrupción". Anova, por súa parte, opta como valoración por dedicar grosos epítetos a Rajoy, de quen di que é un "presidente indecente, colaborador necesario da trama corrupta do Partido Popular.

En Marea, nun comunicado xa vespertino, tamén avaliou o testemuño de Rajoy. De acordo con Luís Villares, o presidente do goberno español "ignora todo ou mente, se fose o primeiro caso está claro que un presidente non pode descoñecer todas as cousas que suceden baixo a súa responsabilidade; no segundo caso, no caso de mentir, Rajoy xa quedaría descualificado".

Comentarios