Rajoy activa o 155, a resposta será a DUI

Acción-reacción. O confronto non se dá un respiro. Puigdemont respondeu na segunda misiva a Rajoy que ou diálogo ou DUI e a réplica non se fixo esperar: o portavoz do Goberno, Íñigo Méndez de Vigo, anunciou un consello de ministros extraordinario para este sábado en que formalmente se activará o artigo 155. De acordo co roteiro previsto, o soberanismo convocará o Parlament para votar a independencia.

Rajoy
photo_camera Soraya, que olla para o seu chefe político, dirixirá desde Madrid un Govern politicamente intervido

Na súa comunicación á Moncloa, Puigdemont deixou claro que o 10-O non se produciu formalmente a declaración da independencia -ao non se ter submetido á votación, tal e como prevé a Lei de Referendo-, mais iso non muda a resposta da Moncloa. O Estado vai adiante coa suspensión da autonomía. Rajoy non pelexa só. Ten canda si Albert Rivera e Pedro Sánchez. A única forza estatal que criticará a activación do 155 é Unidos Podemos.

O portavoz do goberno español, poucos minutos após se coñecer o contido da nova misiva de Puigdemont, compareceu perante os meios para ler un comunicado que reza o seguinte: "O Goberno de España vai continuar cos trámites previstos no artigo 155 da Constitución para restaurar a legalidade ao autogoberno de Catalunya".

Na retórica da Moncloa, a suspensión da autonomía é en realidade a súa restauración porque quen suspendeu o autogoberno foi Puigdemont ao apostar na rotura da legalidade e nas vías autodeterministas. O mundo ao revés.

Acrescenta o Executivo español que vai pór todos os meios que ten "ao alcance" para restaurar a "legalidade e a orde constitucional" visando "recuperar a convivencia pacífica entre cidadáns [só rota polo reaparecimento violento da ultradireita españolista] e frear a deterioración económica que a inseguranza xurídica está a causar a Catalunya".

Que ocorrerá coas institucións catalás coa activación do 155?

Segundo diversas fontes, o Estado destituirá Puigdemont e Junqueras -president e vicepresident- e constituirá un goberno técnico dirixido desde a Moncloa por Soroya Sáenz de Santamaría. O Estado asumirá o control directo dos Mossos d'Esquadra e destituirá Trapero como o seu chefe. Será un executivo de transición, mais non se convocarán eleccións con carácter imediato. O horizonte sería facelas en 2018.

E que fará o soberanismo?

Tal e como indica Puigdemont na súa segunda comunicación á Moncloa, a activación do 155 leva ineluctabelmente á votación no Parlament da declaración de independencia. Isto significa que o Govern levantaría a suspensión decretada o 10-O sobre os efeitos da Lei de Referendo.

A activación do 155 ten unha serie de trámites por diante (realización do Consello de Ministros este sábado, debate no Senado), o que outorga tempo material ao Parlament para se reunir e votar a independencia. Mais a cuestión non será pacífica. Seguramente o Tribunal Constitucional prohibirá o pleno da Cámara catalá, o que abriría un novo frente xurídico no confronto cada día máis encarnizado entre as institucións catalás e as españolas.

Se non é quen de operativizar o Parlament pola prohibición do TC, o plano B do soberanismo sería impulsar unha Asemblea de Eleitos, con parlamentares e concelleiras e concelleiros. Será o ente político que votaría a DUI. Catalunya tería así dous poderes en paralelo, o tutelado polo Estado (que estabelecería unha sorte de protectorado) e este órgao asembleario.

En principio, a idea maioritaria no seo do soberanismo é non concorrer a unhas eleccións "autonómicas" convocadas desde Madrid. O contra-ataque sería a Asemblea de Eleitos convocar unhas eleccións constituíntes para elaborar a primeira Constitución da República catalá. 

O problema é que esa Asemblea de Eleitos non disporía de corpos coercitivos propios, se finalmente o Estado é quen de controlar os Mossos d'Esquadra.

Comentarios