Racismo policial desta beira do Atlántico

O asasinato de George Floyd nos EUA conmocionou o mundo, mais os abusos policiais, cun compoñente racial engadido, non son fenómeno exclusivo do país norteamericano. Dentro das fronteiras europeas, os actos racistas por parte das forzas de seguridade non son inusuais. Na última semana, Francia ratificouno.
michel_zecler
photo_camera Zecler foi reprendido por non levar máscara e golpeado dentro do seu estudio durante case 20 minutos (Foto: Loopsider)

Case 20 minutos de golpes e insultos como "sucio negro". Ese foi o tempo empregado por tres axentes da Policía francesa para mallar e vexar o produtor musical Michel Zecler, nun novo incidente de violencia racista a mans ─e pés e porras─ das forzas de seguridade dun Estado, neste caso europeo, Francia, que ten na "Liberté, Égalité, Fraternité" os seus alicerces.

O diario Liberátion non podía ser máis contundente e na súa edición desta sexta feira levaba á capa a imaxe da cara de Zecler, rota e ensanguentada, ocupando toda a páxina. Sobre ela, o titular, ben en grande: "La Nauseé". A náusea. 

Resumíao así o rotativo parisiense: "Un novo vídeo de violencia inusitada, que mostra axentes da Policía acosando o sábado [21 de novembro] en París un home negro sen motivo aparente, súmase aos problemas alimentados durante varios meses por unha sucesión de asneiras e unha deriva de poder con acentos autoritarios". E é que este incidente se produce só uns días despois do violento desaloxo dun campamento de inmigrantes na Praza da República da capital gala.

Zecler encontrábase fóra do seu estudio musical, Black Gold Studios, localizado no distrito 17 de París, cando unha patrulla policial observou que non portaba máscara de protección contra a Covid. Os axentes seguírono até o local, onde accederon sen orde xudicial, e ao pouco de entrar comezaron a bater nel.

Gravación do incidente

Nunha primeira versión, os policías alegaron que o home tentara sacarlles a pistola e que os golpeara. Porén, non sabían que estaban a ser gravados polas cámaras de vixilancia. Estas imaxes, e as dos vídeos tirados pola veciñanza xa fóra do estudio, probaron a falsidade da declaración policial. Vídeos que publicou o xornalista de Loopsider David Perrotin comentados polo propio Zecler.

O agredido afirma que ao principio, ante a violencia dos axentes, mesmo dubidou que fosen policías. Tras máis dun cuarto de hora de golpes, é detido canda a outros nove artistas ─menores─ que estaban no interior do estudio. 

Perrotin publicou na quinta feira en Twitter o vídeo, que hoxe pola tarde xa fora compartido máis de 155.500 veces. Tamén onte engadiu outra entrada con novas imaxes, accesíbeis na súa conta persoal desta rede social.

A revelación do vídeo permitiu, nun primeiro momento, que Zecler fose liberado, que lle fosen retirados todos os cargos e que os axentes implicados ─catro─ fosen suspendidos. Hoxe, finalmente, estes policías foron postos a disposición xudicial e tres deles están a ser investigados pola Fiscalía de París por "violencia voluntaria, en grupo, con armas e de carácter racista", segundo informou na súa web o semanario Le Nouvel Observateur.

Indignación social

O incidente cobrou unha gran magnitude nas últimas horas, con mostras de apoio a Zecler e de condena ao racismo por parte de personalidades da música e do deporte. A nivel político, o ministro do Interior, Gérald Darmanin, prometeu na noite da quinta feira, no telexornal de France 2, que se actuaría con firmeza, e anunciou que se pediría o despedimento dos axentes por ter "manchado o uniforme da República", "axiña os feitos foren estabelecidos pola xustiza".

O presidente francés, Emmanuel Macron, recoñeceu estar "conmocionado" polas imaxes, e segundo informacións de Europe 1, mantivo unha conversa de 15 minutos con Darmanin logo de ver o vídeo. Vídeo que, ademais, se suma á polémica destes días en Francia pola aprobación da Lei de Seguridade Global (similar a norma española coñecida popularmente como "Lei Mordaza").

Neste sentido, o líder da plataforma de esquerda Francia Insumisa, Jean-Luc Mélenchon, considerou que o incidente é "unha proba abafante da importancia vital do dereito a filmar a acción policial". Tamén o secretario nacional dos Verdes, Julien Bayou, destacou que "sen os vídeos, non se sabería nada". 

Pola súa banda, a alcaldesa de París, a socialista Anne Hidalgo, escribiu no Twitter que "O estado de dereito non é negociábel". E o secretario nacional do Partido Comunista Francés, Fabien Roussel, chamou a secundar as manifestacións convocadas para hoxe co fin de exixir a retirada do artigo 24 da Lei Mordaza francesa. O que prohibe facer gravación dos axentes das forzas de seguridade do Estado como a que probou a inocencia de Zecler.

Manifestacións en contra da Lei Mordaza gala 

O artigo 24, aprobado pola Asemblea Nacional na pasada terza feira, prevé a sanción "dun ano de prisión e unha multa de 45.000 euros" por difundir imaxes non borrosas dun policía ou un militar "co evidente obxectivo de afectar a súa integridade física ou psíquica". Ademais, crea un novo delito na lei de 1881 sobre liberdade de prensa. 

O sábado pasado desenvolvéronse por toda Francia protestas exixindo a súa retirada, manifestacións que está previsto que se repitan hoxe co fin de presionar o Senado, que debe examinar o texto antes da súa aprobación definitiva. 

O texto normativo foi louvado polos sindicatos policiais, que contan co apoio da dereita e da extrema dereita. Todo o contrario que os partidos de esquerda, sindicatos de clase e asociacións de xornalistas e de dereitos civís, que o consideran "un ataque desproporcionado" á liberdade de información e unha mostra da deriva autoritaria do Goberno de Macron.

Comentarios