O racismo, entre a ficción e a realidade

A morte de George Floyd e as protestas pola violencia policial e o racismo nos EUA estendéronse a varios ámbitos da sociedade, con medidas controvertidas como a retirada do clásico filme 'Foise co vento'. Deste lado do Atlántico, tamén a 'BBC' entrou nesa dinámica coa suspensión dun episodio da mítica serie 'Fawlty Towers'.
2020061214160010337
photo_camera O actor John Cleese, caracterizado como Basil Fawlty na serie británica de humor 'Fawlty Towers' (Nós Diario)

"Unha das cousas que aprendín nos últimos 80 anos é que a xente ten moi diferentes tipos de humor. Algúns entenden que se pos palabras sen sentido na boca de alguén do que queres facer chanza, non estás a transmitir a súa visión, estáste a burlar del".

O escritor, actor e cofundador do grupo británico de humor surrealista Monty Python, John Cleese, facía onte estas declaracións despois de que UKTV, a canle de TV de contidos á carta da BBC, retirase un dos capítulos da mítica serie Fawlty Towers polos seus contidos "racistas".

A serie, de dúas tempadas de seis episodios cada unha, emitidas en 1975 e en 1979, xira en torno a un hotel na costa de Inglaterra rexido por Basil Fawlty (John Cleese). "The Germans" é o derradeiro da primeira, onde Basil Fawlty ofende cos seus comentarios varios hóspedes alemáns, ao tempo que continuamente repite ao seu persoal a frase "Non mencionedes a guerra" (frase que se popularizou na cultura popular británica, segundo explica The Guardian).

Na súa conta do Twitter, UKTV ─que fai parte de varias plataformas dixitais no país─ explicou que o episodio fora retirado "temporalmente" debido a que contén "insultos racistas", aínda que non especificou cales. Entre estes estarían o uso en tres ocasións da palabra nigger (verba ofensiva en inglés para referirse ás persoas negras) ou a parte en que Basil Fawlty aparenta estupefacción por ser tratado no hospital por un médico negro.

Tamén hai unha escena na versión orixinal que xa fora editada por varias canles antes da súa emisión hai unha década. Esta céntrase nunha anécdota relatada polo Major Gowen ─outro personaxe habitual da serie, que representa un vello militar británico─ sobre o equipo de cricket da India, tamén co uso de palabras consideradas racistas. 

John Cleese cargou contra a dirección da BBC e cualificou de "parva" a xente incapaz de ver o episodio como unha crítica ás actitudes racistas e non como un apoio. Ademais, cuestionou a tendencia actual a que as obras do pasado se adapten aos estándares morais actuais.

En declaracións ao xornal The Age, o actor británico preguntouse se o feito de que Isaac Newton tivese participacións na Compañía dos Mares do Sur, que comerciaba con escravos, obriga a desbotar os coñecementos achegados polo científico. 

"Están a dicir que non deberiamos apreciar os cadros de Caravaggio porque unha vez asasinou alguén?", manifestou, e puxo outro exemplo máis para o debate: "Os Gregos dos anos 500 a.C. sentían que a cultura ou calquera tipo de civilización de verdade era só posíbel grazas á escravitude. Significa iso que deberiamos botar abaixo todas as estatuas de Sócrates?". 

"Topple the Racists"

De volta ao reino da realidade, a polémica polo derrubamento de estatuas de persoeiros considerados racistas, ao ronsel das protestas pola morte de George Floyd, tamén se estendeu polo mundo. Nos EUA catro figuras dedicadas ao explorador Cristóbal Colón, descubridor de América para Europa, foron vandalizadas nos últimos días en St. Paul, Boston, Richmond e Miami. Nestas últimas dúas cidades, na primeira tamén se derrubou a talla de Williams Carter Wickham, xeneral confederado e propietario dunha plantación traballada por escravos; na segunda, outra de Juan Ponce de León, descubridor da Florida para o coñecemento europeo.  

En Europa, os ataques ás estatuas do rei Leopoldo II están a obrigar a Bélxica a revisar o seu papel na colonización en África. No Reino Unido, a do escravista Edward Colston foi lanzada ao fondo do porto de Bristol, e a web colaborativa Topple the Racists (Derruba os racistas) localizou no mapa xa case un cento de figuras de persoeiros relacionados co Imperio Británico que, segundo defenden, deberían ser retiradas do espazo público.  

As autoridades de Bournemouth decidiron retirar temporalmente a efixie de Robert Baden-Powell, fundador do movemento Scout. Baden-Powell aparece en Topple the Racists por "cometer atrocidades contra os zulús durante a súa carreira militar e por ser simpatizante nazi/fascista". 

Entre outras das estatuas sinaladas, que dividen os expertos en historia e política e os membros da sociedade civil, están figuras senlleiras na construción da historia británica como Francis Drake, Cecil Rhodes ou Oliver Cromwell.

A censura de 'Foise co vento' nos EUA, na liña dos ataques a outras obras literarias

A decisión de HBO de retirar o clásico cinematográfico de 1939 Gone with the wind (Foise co vento, na versión en galego da TVG) polo seu contido racista tivo unha enorme repercusión en todo o mundo. As voces contrarias consideran que se trata dun xesto de censura e de corrección política no medio das protestas pola morte de George Floyd. HBO acaba de anunciar que a recuperará axiña, mais levará unha introdución por parte dun experto en estudos afroamericanos.

A retirada de Foise co vento, baseada na novela de Margaret Mitchell que gañou o Premio Pulitzer en 1937, vai na liña doutras decisións recentes a respecto doutras obras literarias polos seus contidos racistas. Por exemplo, en 2007 As Aventuras de Huckleberry Finn (1884), de Mark Twain, entrou na lista da Asociación Estadounidense de Bibliotecas como o quinto libro máis censurado nos EUA. Nese ano, NewSouth Books publicou unha edición purgada de palabras racistas, e unha familia de Arizona acudiu á xustiza para tentar que fose retirada das lecturas obrigatorias dun instituto.

Comentarios