A quinta xuntanza entre Sánchez e Iglesias remata en ruptura

O fracaso da primeira investidura do presidente do Goberno español parece cada día máis difícil de evitar. A quinta xuntanza entre o presidente en funcións Pedro Sánchez e o líder de Podemos Pablo Iglesias rematou no mediodía desta terza feira con ruptura. O PSOE adivirte á formación de esquerdas: ou investidura en xullo ou “non haberá segunda oportunidade”.

pedro sánchez pablo iglesias
photo_camera Pedro Sánchez e Pablo Iglesias esta terza feira na Moncloa. Foto: @ahorapodemos

Desde Podemos intepretan que os socialistas están dispostos a ir a novas eleccións en novembro. E desde o Partido Socialista, que a “Podemos lle interesan máis os nomes do Consello de Ministros que as políticas a desenvolver”, segundo expuxo a vicesecretaria xeral Adriana Lastra.

Así as cousas, a practicamente dúas semanas da sesión parlamentaria de investidura, as pontes entre as dúas principais forzas do bloque progresista paracen rotas. Sánchez non quere ministros de Podemos no seu Goberno e Podemos fantasea cun Goberno de coalición. Lastra engadiu que un segundo intento en setembro non entra nos plans do PSOE: “Non hai segundas oportunidades”.

Pablo Iglesias, porén, amosouse menos contundente e nunha breves declaracións aos medios de comunucación: “Máis tarde ou máis cedo convenceremos o PSOE de que se mova e de que teñen que ser flexíbeis”. En Podemos, con todo, empeza a difundirse a opinión de que Pedro Sánchez non quere negociar.

Comentarios