Quim Torra: “A única maneira de avanzar é a ruptura democrática”

O president, inhabilitado polo Tribunal Supremo, di que “nin abandono nin me resigno” e chama As organizacións e colectivos independentistas a recuperar o “espírito do 1 de outubro”.

Torra catalunya

Quim Torra compareceu no salón gótico da sede da Generalitat para, apoiado por todos os membros do Govern, proceder á lectura dunha declaración institucional a respecto da súa inhabilitación polo Tribunal Supremo para ser presidente de Catalunya.

Torra indicou que esta inhabilitación respondía a un “golpe urdido no Estado español” e situou a autonomía como un “obstáculo” para a independencia: “A única maneira de avanzar é a ruptura democrática”, dixo, ao tempo que situaba o independentismo como a ferramenta que pon na picota o réxime do 78.

“Os xuíces decidiron que non podo ser máis president”, criticou, para indicar que “non acepto esta sentenza” e que a decisión do Tribunal Supremo non implica para el “nin abandono” nin “resignación” co seu compromiso pola liberdade de Catalunya.

Porén, estas declaracións non levaron a un chamado á desobediencia ou insubmisión fronte a resolución do Tribunal Supremo. Torra dixo que “as eleccións de aquí a uns meses han ser un plebiscito” e chamou a recuperar a unidade do independentismo como a que fixo posíbel o 1 de outubro.

Comentarios