Quim Torra, o plano D de Puigdemont, perfílase como president da Generalitat

Tal e como estaba pactado nas filas do soberanismo, foi o propio Puigdemont quen anunciou o nome de Quim Torra -ex president de Ómnium Cultural- como candidato a liderar o Govern.

torra
photo_camera Quim Torra [Foto: NacióDigital]

O plano D de Puigdemont, o candidato non atinxido por procesos xudiciais, non será finalmente Elsa Artadi, como se especulaba, senón un soberanista sen carnet partidario, Quim Torra, ex president de Ómnium Cultural, historiador, avogado, editor e deputado independente eleito nas listas de Junts per Catalunya.

Torra tería virtualmente garantida a investidura ao contar co apoio do bloco soberanista formado por JxCat e ERC e a non oposición da CUP. O verosímil é que a formación anticapitalista se absteña na primeira votación -a realizar a próxima segunda feira- e que a investidura se consume na segunda rolda, a ter lugar a cuarta feira, cando xa non se exixe a maioría absoluta. 

Desde a contorna de Puigdemont estase a pór o acento en que a escolla de Quim Torra, a quen se atribúe abertamente carácter de presidente provisorio, non resta un chisco de lexitimidade ás opcións de futuro do ex president, que se mantén na recámara sen renunciar a un hipotético retorno ao Palau da Generalitat se a correlación de forzas no confronto co estado mudar en favor do soberanismo. De feito, o primeiro que fará Torra -que simbolicamente non ocupará o seu despacho na Praça de San Jaume, apuntan os meios soberanistas- será viaxar a Berlín para se ver co líder de JxCat.

Comentarios