Quen son os Reichsbürger, o grupo extremista sospeitoso de planificar un golpe de estado en Alemaña?

A operación, que xa suma 25 detencións, prevé chegar ao medio cento. Segunda informa o Goberno alemán, as persoas arrestadas "comparten odio á democracia, ao noso estado e ás persoas que defenden a nosa comunidade".
Detidas 22 persoas sospeitosas de planear un golpe de estado en Alemaña. (Foto: RTVE).
photo_camera A Fiscalía alemá estima medio cento de detencións durante a operación, aínda en marcha. (Foto: RTVE).

As forzas de seguridade de Alemaña arrestaron esta cuarta feira a 25 membros dun grupo de extrema dereita sospeitosos de planificar un golpe de estado. Segundo anunciaron as autoridades, os detidos pretendían "usar medios militares" contra representantes estatais e formar posteriormente o seu propio goberno.

A Fiscalía alemá detallou nun comunicado que os detidos son "presuntos membros e seguidores dunha organización terrorista" e confirmou que hai operacións en marcha para arrestar a un total de 52 persoas. Así, manifestou que 22 dos detidos son membros do grupo, todos de nacionalidade alemá, mentres que entre os tres "seguidores" detidos hai dous alemáns e un ruso.

A ministra federal do Interior, Nancy Fraser, quen o verán pasado asegurou que "a principal ameaza para a nosa democracia segue a ser o extremismo de extrema dereita", actualizou nas súas redes sociais o estado das investigacións.

"Defendémonos con toda a dureza dos inimigos da democracia. As investigacións revelan o abismo dunha ameaza terrorista de Reichsbürger. Estou moi agradecida ás máis de 3.000 forzas policiais federais e estatais polo seu perigoso traballo hoxe", relatou.

As persoas arrestadas "comparten odio á democracia, ao noso estado e ás persoas que defenden a nosa comunidade", afirmou a ministra de Interior, polo que tiñan como obxectivo derrubar a orde estatal existente en Alemaña e substituíla pola súa propia forma de goberno, engadiu a Fiscalía.

Quen son os Reichsbürger?

Os detidos son membros do movemento Reichsbürger, un grupo de extrema dereita cuxa ideoloxía nega a existencia da República Federal de Alemaña, que consideran un estado ocupado polas potencias occidentais.

A vontade do movemento é restabelecer o Imperio Alemán -fundado en 1871- e as súas fronteiras anteriores a 1937. De feito, "Reichsbürger" significa "cidadáns do imperio". Para conseguir os seus fins, os membros non dubidan en recorrer á violencia, como é o caso do asalto ao Parlamento alemán que planeaban.

Os servizos de intelixencia alemáns estiman que o movemento conta cuns 21.000 membros, dos cales 5% foron identificados como extremistas perigosos. Segundo Deutsche Welle, a maioría deles son homes, teñen unha idade media de cincuenta anos e senten afinidade polo populismo de extrema dereita, o antisemitismo, o nazismo e as teorías conspirativas.

Os membros do grupo radicalizáronse aínda máis tras a pandemia da Covid e a aplicación de restricións. En 2021, participaron no asalto ao edificio do Parlamento tras unha masiva manifestación contra o Covid.

Comentarios