Unha boa mostra disto é a cobertura dada a Puigdemont polos diversos medios de comunicación europeos, africanos, americanos ou asiáticos. Sen ir máis lonxe, o xornal inglés The Guardian fixo un seguimento ao minuto sobre o antigo presidente catalán durante o 8 de agosto.
Un destacado tratamento recibiu o político catalán noutros medios como o francés Le Monde ou Libération, o estadounidense The Washington Post, a coñecida axencia Reuters ou a canle de televisión catarí Al Jazeera.
A opinión maioritaria dos medios editados fóra do Estado apuntaba á falta de calidade democrática do Estado español. Así, The Guardian aseguraba que “encarceralo malia Lei de amnistía significaría que o independentismo catalán só é tratado pola xustiza española como un inimigo para reprimir".
As imaxes de Puigdemont comparecendo onte desde o seu despacho na Casa da República Waterloo deron á volta ao mundo, por tratarse da súa primeira aparición pública desde o retorno de Catalunya.
Terra e Tempo
As diversas tomas da súa intervención permitiron coñecer o seu lugar de traballo e saber dos libros e publicacións que fan parte da súa biblioteca. Así, entre estas atópanse na balda de arriba da dereita tres exemplares do número 170 da revista Terra e Tempo.
A presenza desta publicación editada pola Fundación Terra e Tempo na biblioteca de Puigdemont non debe xerar sorpresa, pois nela recóllese un artigo do dirixente nacionalista exiliado.
O traballo de Puigdemont, titulado Carta desde o exilio en Alemaña, está asinado en xullo de 2018 en Alemaña, nun momento onde a xustiza deste país resolvía unha orde detención decretada pola xuíz Pablo Llarena.
Puigdemont partilla colaboración nesta publicación con outros dirixentes nacionalistas cataláns como o antigo presidente catalán Artur Mas, o presidente de ERC, naquela altura encarcerado, Oriol Junqueras ou a presidenta da mesa do Parlamento de Catalunya, presa naquel momento no cárcere Alcalá-Meco, Carme Forcadell.
O número 170 do Terra e Tempo, coordinado por Ruben Cela, acolle, tamén, colaboracións de cadros do nacionalismo como o daquela presidente de Òmnium Cultural Jordi Cuixart, o responsábel do Ciemen David Minoves, a secretaria xeral de ERC exiliada en Suíza, Marta Rovira, ou o dirixente das CUP Albert Botrán.