Por que España segue sen recoñecer a independencia de Kosovo?

Estes son os motivos polos que o Estado español non recoñece a independencia do Estado de Kosovo.
Atlétas kosovares nunha competición internacional (Foto: AFP7 / Europapress).
photo_camera Atletas kosovares nunha competición internacional (Foto: AFP7 / Europapress).
  1. Unilateralidade
  2. O precedente de Catalunya
  3. Os ‘aliados’ do Estado español
  4. Fútbol?

A república de Kosovo, un país duns 1,8 millóns de habitantes aproximadamente, declarou a súa independencia en febreiro de 2008 a respecto de Serbia.

Desde aquel entón, máis de 100 Estados [moitos deles da Unión Europea], recoñeceron a independencia deste país balcánico.

Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Irlanda, Austria ou Bélxica son só algúns dos países do grupo dos 27 que, efectivamente, recoñece a soberanía de Kosovo. O Estado español é un dos poucos que non o fai. Mais, cales son os motivos?

Unilateralidade

Un dos motivos que España utiliza para explicar o non recoñecemento de Kosovo é a “unilateralidade”. De acordo cos sucesivos Gobernos españois desde 2008, a independencia de Kosovo foi tomada unilateralemente, sen consentimento de Serbia, polo que, a ollos do Goberno do Estado, esta non se debe recoñecer.

Non obstante, o titular do Executivo estatal, Pedro Sánchez, sentou co primeiro ministro kosovar en outubro de 2021 na cimeira UE-Balcáns, recoñecendo, polo menos implicitamente, a soberanía do país. Con todo, no encontro non se puideron ver bandeiras nin símbolos nacionais, para non interferir na política de non recoñecemento.

O precedente de Catalunya

En 2018, o ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi, encontrouse nunha tesitura semellante á de Pedro Sánchez. Con todo, Raxoi decidiu abandonar na cimeira UE-Balcáns a reunión co primeiro ministro kosovar naquela altura para evitar sentar un precedente de recoñecemento da súa independencia, algo que podería ter repercusións dada a situación en Catalunya.

Os ‘aliados’ do Estado español

Se ben a gran maioría de Estados da UE e mesmo os EUA e Canadá recoñecen Kosovo, España non é o único Estado que non recoñece a independencia do país balcánico.

España sitúase xunto con Grecia, Romanía, Eslovaquia e Chipre como os únicos países da UE que non recoñecen a soberanía kosovar.

Fútbol?

No medio desta situación de tensión entre os Estados español e kosovar, a selección española de fútbol tivo que enfrontase á de Kosovo nos partidos clasificatorios para o mundial de Qatar deste ano.

Esta situación, presuntamente creou descontento na Federación española de fútbol, xa que no inicio do encontro tería que soar o himno kosovar e terían que mostrarse os seus símbolos nacionais. Porén, a Federación española non puido facer nada e tivo que enfrontase á selección de Kosovo.

Grafismo utilizado por RTVE (Foto: Nós Diario).
Grafismo utilizado por RTVE (Foto: Nós Diario).

De todos os modos, tanto a RTVE como a Federación debateron as posíbeis maneiras de se referir a Kosovo para non recoñecelo explicitamente como Estado. Para isto, os comentaristas non se referiron a ‘Kosovo’ senón que se referían ao combinado kosovar como “equipo da federación de Kosovo” e até utilizaron o nome do país en minúsculas no grafismo do marcador durante a emisión do encontro.

Comentarios