Por que o director da CIA fixo unha viaxe confidencial a Ucraína a comezos de outubro?

Rusia e Ucraína cruzan acusacións polo posíbel emprego de armamento nuclear.
O director da CIA, William Burns. (Foto: Europa Press)
photo_camera O director da CIA, William Burns. (Foto: Europa Press)

O xefe da CIA dos Estados Unidos, Williams Burns, visitou de maneira confidencial Ucraína o pasado mes de outubro para reunirse co presidente do país, Volodimir Zelenski, segundo desvelou en exclusiva a CNN.

O medio de comunicación estadounidense afirmou que Burns “reforzou o compromiso de Estados Unidos de dar apoio a Ucraína, incluíndo o intercambio continuo de intelixencia”, segundo as declaracións dun funcionario da administración dos EUA.

A visita do alto dirixente a Ucraína tivo lugar días antes de que o Goberno ruso asegurase que Kíiv "posúe tecnoloxías" que permitirían crear unha 'bomba sucia', ao contar con "tres centrais nucleares con combustíbel nuclear gastado", así como os "residuos nucleares que se conservan en Chernóbil".

Este tipo de explosivos, compostos por material explosivo convencional que se envolve en substancias radioactivas, ten por obxectivo espallar eses materiais perigosos en forma de po ou area sobre unha poboación ou lugar estratéxico que ficaría afectado fortemente pola radiación.

Acusacións cruzadas

Nunha carta remitida esta semana á ONU, Rusia afirma que a intención do Goberno ucraíno sería "enmascaralo como unha detonación anormal dunha oxiva nuclear rusa de pouca potencia" e así "acusar Moscova de recorrer ao arsenal nuclear táctico".

Kíiv desbotou estas acusacións, alegando que o "único" capaz de empregar unha arma "de tal magnitude é Vladimir Putin". "Se Rusia di que Ucraína está preparando algo, só significa unha cousa: que Rusia xa preparou todo iso", defendeu.

Pola súa parte, os servizos de intelixencia dos EUA manifestaron publicamente que non teñen ningún tipo de probas que demostre que Rusia estea preparando as súas tropas para levar a cabo un ataque deste tipo.

Comentarios