Análise

Que 2 % en "Defensa"?

O profesor xubilado Nacho Taibo prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
A fragata Cristóbal Colón. (Foto: Ministerio de Defensa)
photo_camera A fragata Cristóbal Colón. (Foto: Ministerio de Defensa)

Como consecuencia da cimeira da OTAN de xuño en Madrid, o Goberno español declárase decidido a incrementar o seu gasto militar até o 2% do PIB. Desde aquela cimeira, voceiros do Goberno andan reiterando que o insistente 2% xa non é recomendación, senón o mínimo admisíbel.

Incrementar? E logo, cal é a porcentaxe do PIB que se vén gastando en "defensa" até agora? Sobre todo, coñécea o Goberno español? Non estou nada convencido.

No pasado marzo, xa con guerra na Ucraína, a ministra do ramo contáballe á Comisión de Defensa do Parlamento que o presidente Sánchez anunciara que "iamos chegar ao 1,22%. Sempre fun moi leal e moi honesta, nunca chegaremos ao 2". No mesmo mes o propio Sánchez, cando xa se propuña ese horizonte 2%, falou dun gasto actual ao redor de 1,40% do PIB en Defensa: esta vez a cifra non lla trouxo o vento, que coincide coa que deu o Banco Mundial en 2020 e o SIPRI de Estocolmo para o 21. Durante a cimeira madrileña de xuño, El Mundo cifraba tal porcentaxe no 1,01 desde as estatísticas da Alianza, mentres Antena 3 a subía ao 1,2%.

Saben estas persoas do que están a falar? Eu abeiro graves dúbidas sobre cal será o peso verdadeiro da parte militar sobre o PIB: motívanas as reticencias que gardan ao respecto outras fontes e informantes, e acabo por preguntarme se o Goberno español ten unha idea diáfana sobre a canto monta tal porcentaxe... e se a está mencionando de boa e sincera fe.

Contas non diáfanas

Pois o gasto militar en España é todo menos diáfano. Sendo clarísimo o segundo termo comparado, o PIB, o cálculo da porcentaxe tiña que chegar inmediato, mais non é así: préstase a innúmeras interpretacións, poucas das cales parecen inocentes, imparciais e desinteresadas. A máis simple limítase directamente ao orzamento do Ministerio de Defensa, co que vén falseada de base. Debe ser o que fixo o CIA World Factbook, Libro de datos mundiais da CIA, para fornecer 0,95% en 2011 e 0,86% no 12. O coñecido SIPRI, Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo, achegaba nada menos que o 3% do PIB en 1985 e dá 1,4 en 2021. Ese instituto recoñece que para moitos países non aplica o criterio igualador OTAN porque os respectivos Gobernos non lle proporcionan a información detallada que demanda.

Coa fin non de esclarecer as cousas, senón de complicalas aínda máis, vou recorrer a outras fontes, fundamentalmente ONG, que achegan cifras moi diferentes, mais explican con diáfana claridade cales son as partidas onde discrepan dos datos oficiais. O Centre d'Estudis per la Pau JM Delàs calculaba en 2016 un 0,65% do PIB desde o orzamento do Ministerio de Defensa, que lles medraba até o 1,57 aplicando o criterio unificado OTAN. Na mesma época o Colectivo Utopía Contagiosa obtivo un 2,78%: calculara a porción da débeda pública imputábel a gasto militar, atribución ausente das outras análises e talvez cuestionábel, mais que non cabe desbotar a priori.

Cal é ese criterio OTAN para calcular o orzamento militar dos Estados? Preconiza agregar os gastos dos ministerios militares e outras axencias gobernamentais implicadas en proxectos de defensa –incluído o seu persoal civil–, investigación e desenvolvemento de material militar, forzas paramilitares se están instruídas e equipadas para operacións militares, misións de mantemento da paz no estranxeiro, servizos sociais para o persoal militar e pensións dos retirados, axuda militar ao estranxeiro e gastos de capital relacionados coas forzas armadas.

Orzamento millonario

O orzamento inicial do Ministerio de Defensa español para 2022 (non inclúe as ulteriores ampliacións) ascende a 10.155 millóns de euros (8% máis que en 2021). Juan Carlos Rois (Grup Antimilitarista Tortuga) parece aplicar moi estritamente o criterio OTAN enriba expresado cando agrega a esa cifra as aprobadas para os chamados Organismos Autónomos de Defensa e clases pasivas, Centro de Inteligencia, Garda Civil, proxectos tecnolóxicos de cariz militar financiados polos ministerios de Industria e de Ciencia e Innovación, misións no exterior, participación en universidades e partidas a cargo doutros ministerios, para concluír de maneira moi convincente un gasto real de 20.694 millóns, que o sitúa na rexión do 1,8% do PIB. Por camiños paralelos obtén resultado de orde semellante, 22.796 millóns, El gasto militar real del Estado Español para 2022 do Centre Delàs, o 224% do puro orzamento do ministerio. Non se contabilizan as ampliacións deste último a posteriori, que teñen lugar todos os anos con cifras nada desprezábeis: para o actual, Rois estima un incremento de 8.912 millóns. O tema é moitísimo máis grave se damos creto á extrapolación final que fai Rois cando engade gastos plurianuais, intereses da débeda con implicación militar e operacións no exterior non consideradas: acaba estimando un gasto de 43.276 millóns! De asumilo, o esforzo militar español real roldaría o 3,5% do PIB!

Como conclusión provisional abrolla unha pregunta: de quererse axustar ao tan ansiado 2% do PIB, o orzamento militar español tería que acrecentar... ou reducirse?

O concepto 'Defensa'

Todas as discrepancias que resumimos débense, en relación co concepto "Defensa", á ocultación de numerosas partidas esparexidas por case todos os ministerios existentes e organismos estatais subordinados. É esa camuflaxe inocente... ou deliberada?

Un parágrafo do informe dos Working Papers del Centre Delàs (decembro de 2020) contradí a doutrina oficial sobre aquilo que Eisenhower definiu como complexo industrial-militar: O gasto e as inversións militares non contribúen ao desenvolvemento da economía e pola contra entorpéceno, pois as armas non son bens produtivos que circulen polo mercado e iso impídelles ter un valor social. Ademais, comportan inflación, porque o Estado […] endebédase, e […] son menos produtivas que as destinadas á economía civil [...] Quen contribúe con maior valor a mellorar a sociedade e a súa economía, un sanitario, un educador ou un militar?

Por outra parte, é inmediato sinalar aspectos intuitivo-cualitativos. A visión oficial teima en situar o gasto militar español entre os máis baixos de Europa, mesmo até aporlle un posto concreto: só superior ao de Luxemburgo. Mais, de ser así, quen pode entender datos obxectivos como son os de as forzas armadas españolas posuíren e manteren un dos escasos portaavións da Europa, flotas importantes do mellor avión de combate europeo e do maior avión cargueiro da OTAN europea, carísimas fragatas pesadas de moi alta tecnoloxía, a segunda flota euro-occidental de tanques...?

Outra pregunta moi vinculada co gasto militar: se a razón inmediata para propor incrementalo é a guerra na Ucraína coa resurrección da ameaza soviética, o desempeño que as forzas rusas están exhibindo, non sería máis ben un excelente argumento para ir moderando os inventarios de armamentos, o militarismo euro-americano e ese gasto militar, até deixalos no nivel estritamente necesario?

Comentarios