DETEñEN UN HUMORISTA QUE DIXO: "EU SON AMEDY COULIBALY"

Al Qaeda-Iemen reivindica o atentado contra o Charlie Hebdo e desmárcase do asalto á tenda kosher

Al Qaeda afirma que "elixiu o obxectivo, despregou o plano e financiou a operación"

paris-crop
photo_camera Manifestación de repulsa polos atentados

Al Qaeda en Iemen -unha das pólas da organización jihadista- reivindicou esta cuarta feira o atentado contra a revista Charlie Hebdo -saldado con 12 vítimas mortais- através dunha mensaxe na rede acompañada dunha imaxe en que se ve a Torre Eiffel disolvéndose.

A organización jihadista argumenta que atacou Charlie Hebdo como "vinganza" en nome do "mensaxeiro de Alá", en obvia referencia a que a publicación humorística representa en moitas ocasións, e con intención satírica, a imaxe de Mahoma, algo que está prohibido na interpretación máis rigorista do Islam.

Al Qaeda aproveita tamén para se desmarcar do asalto á tenda kosher perpetrado por Amedy Coulibaly e cualifica a circunstancia de que fosen episodios practicamente simultáneos como "unha coincidencia".

A policía francesa detivo o humorista galo Dieudonné M'Bala baixo a acusación de "defensa do terrorismo"

Os servizos de intelixencia franceses traballan, aliás, coa hipótese de Coulibaly facer parte da mesma célula jihadista en que estaban integrados os irmaos Kouoachi, presuntos autores da acción contra Charlie Hebdo.

Mentres, a policía francesa detivo o humorista galo Dieudonné M'Bala baixo a acusación de "defensa do terrorismo", segundo puido saber AFP.

M'Bala -humorista proveniente da esquerda que nos últimos tempos ten mostrado simpatía aos postulados de Le Pen- escribiu no seu perfil Facebook o pasado domingo, após a multitudinaria manifestación de París en repulsa polos atentados: "Saiban que esta noite síntome Charlie Coulibaly".

Dieudonné xa foi condenado por declaracións que os xuíces franceses reputaron como anti-semitas.

O humorista é, segundo se pode ler en Le Monde, a ponta do iceberg: nos últimos días foron abertos máis de 50 casos calificados como "defensa do terrorismo".

Deses 50 casos 5 xa concluíron con condenas, xeralmente a un ano de prisión.

Comentarios