"Desde este momento as relacións Norte-Sur entraron en estado de guerra e todos os problemas a nivel de Estado que xurdan entre o Norte e o Sur serán abordadas en consecuencia".
Así respondeu Pyongyang ás manobras conxuntas realizadas por Corea do Sur e os USA nun comunicado asinado polo Goberno e polo Partido dos traballadores de Corea que difundiu a axencia oficial norcoreana KCNA.
O líder de Corea do Norte Kim Jong-un lanzou unha advertenza a Seúl e a Wáshington enfatizando a ambos gobernos que "perante a menor provocación" responderá "de maneira inmediata". Revólvese deste xeito contra os exercicios militares conxuntos que están a levar a cabo Estados Unidos e Corea do Sur, así como contra as sanción impostas por Nacións Unidas pola proba atómica realizada o 12 de febreiro. Pyongyang da por rachados todos os pactos de non agresión con Seúl ao considerar que as manobras patrocinadas polos USA son ensaios previos á ocupación do territorio norcoreano.
"Chegou o momento de saldar contas cos imperialistas", declarou Kim Jong-un, quen deu xa orde ás unidades de mísiles a se prepararen para atacar as bases de USA e Corea do Sur no Pacífico como resposta aos voos que esta quinta feira realizados por bombardeiros furtivos B-2 estadounidenses. Desde a Casa Branca non tardaron en se pronunciar: "tomamos as ameazas en serio e mantemos as relacións co noso aliado surcoreano", sinalou a voceira do Consello nacional de seguridade, Caitlin Hayden.