Ministro Conselleiro da embaixada chinesa

Yao Fei: "Puxemos punto final á era na que a China era humillada polas potencias extranxeiras"

A semana pasada, o Partido Comunista da China celebrou o seu centenario, finalizando os eventos cun gran acto na praza de Tian'anmen. 'Nós Diario' fala con Yao Fei, Ministro Conselleiro da embaixada chinesa no Estado español, sobre as implicacións deste aniversario para o país asiático.
Yao Fei, Ministro Conselleiro da embaixada chinesa no Estado español. (Foto: Embaixada da China no Estado)
photo_camera Yao Fei, Ministro Conselleiro da embaixada chinesa no Estado español. (Foto: Embaixada da China no Estado)

-Que supón para o PCCh e o Goberno chinés este centenario? 

Trátase dun período histórico de importancia moi especial, non só para o PCCH senón tamén para toda a China e o mundo. Durante estes 100 anos sucederon asuntos sumamente importantes, o PCCh, dirixindo a todo o pobo chinés, atinxiu grandes éxitos na liberación e emancipación do seu pobo, na fundación da República Popular de China, no desenvolvemento e a construción do sistema socialista con peculiaridades chinesas, na gran causa da reforma e  apertura e tamén na súa participación e importante contribución no mantemento da orde internacional, na práctica do multilateralismo e no mantemento da paz mundial e o fomento do progreso da humanidade.

Grazas o liderado do PCCh, o pobo chinés púxose de pé e puxemos punto final á era na que a China era humillada polas invasións estranxeiras, polas presións e humillacións das potencias estranxeiras, trátase dun gran sentimento nacional de conseguir a liberación, emancipación e a independencia do país e do seu pobo. Asemade, baixo o liderado do PCCh o pobo chinés conseguiu unha vida modestamente acomodada.

A meta que tiñamos para o primeiro centenario do noso partido era culminar a construción dunha sociedade modestamente acomodada e sacar a toda a poboación sumida na pobreza extrema, e logramos esta meta.

A China está a converterse nunha das potencias máis importantes, máis influentes no escenario internacional. Agora somos un dos cinco países membros permanentes do Consello de seguridade da Organización das Nacións Unidas, e ao mesmo tempo convertémonos na segunda economía máis grande e máis importante do mundo. 

-Que retos se marca o PCCh para o futuro?

De acordo co noso líder, o señor Xi Jinping, secretario xeral do PCCh, tanto a China como o noso partido temos á fronte algúns riscos e desafíos nunca antes vistos. Agora o pobo ten unha demanda cada día máis exixente dunha mellor vida, subsistindo aínda un desenvolvemento insuficiente e desequilibrado, ademais desta demanda dunha mellor vida material a xente tamén reclama un nivel máis alto de democracia, de goberno, e unha mellor xustiza e equidade social ao tempo que un mellor medio ambiente. 

Segundo Xi Jinping, o maior risco que corremos é unha dexeneración do noso propio partido. Iso quere dicir que temos que loitar aínda con firmeza contra o problema da corrupción, manténdonos firmes no noso principio de servir de todo corazón ao pobo, de apoiarnos no noso pobo e nunca afastarnos del. Procurar a felicidade para o pobo chinés e procurar a revitalización da nación chinesa sempre é a aspiración e a misión do PCCh.

Temos moita confianza en que baixo a dirección do PCCh poderemos superar todas as dificultades e retos, alcanzando éxitos aínda máis brillantes na causa do desenvolvemento da nación e do pobo chinés. 

-Cales foron as claves do desenvolvemento de China despois de 70 anos de Goberno comunista?

A chave dos éxitos alcanzados polo PCCH pódese resumir en cinco puntos. Primeiro este partido persistiu en aplicar o marxismo sempre, como a teoría e o pensamento directriz do desenvolvemento do traballo. E aínda máis importante, soubemos combinar moi ben as teorías básicas do marxismo coas realidades da China, este é un punto sumamente importante, o PCCh sempre se adheriu o principio de buscar a realidade no medio dos feitos.

En segundo lugar, sempre persistimos na nosa meta, construír o comunismo e o socialismo, e para alcanzar esta meta os membros militantes do PCCh destacáronse polo seu espírito de sacrificio. Na época da revolución 3.700.000 militantes do PCCh sacrificaron a súa vida por esta causa.

O exemplo máis recente o temos durante a loita contra a pandemia de Covid-19, máis de 39 millóns de militantes comunistas participaron na primeira liña da loita contra a Covid-19, e perto de 400 membros do noso partido ofreceron a súa vida nesta loita.  

O terceiro punto é o principio de servir de todo corazón ao pobo; facemos todo polo pobo, e facemos todo apoiándonos no pobo. O cuarto aspecto é que nunca deixamos de consolidar a construción e a administración do noso partido. E en último lugar, o PCCh ten unha visión mundial. 

-Cal é a mensaxe do PCCh aos pobos do mundo? 

Primeiro quero sinalar que o desenvolvemento de China nunca significa unha ameaza e un desafío para o mundo e para ningún outro país. A paz, a harmonía, son cousas xenéticas que a nación chinesa tivo ao longo da súa historia até hoxe en día. Non temos xenes de invadir outros países, e tampouco de practicar a hexemonía no mundo.

China sempre foi o construtor da paz mundial, o contribuidor ao desenvolvemento global e a defensa da orde internacional. Segundo, quero dicirlle que a China sempre trata de ser socio de cooperación de confianza co resto do mundo. E non queremos ser, nunca fomos e nunca seremos un rival sistémico que busca a confrontación con outros países. A China persistirá neste camiño de socialismo con peculiaridades chinesas e ao mesmo tempo respectamos totalmente a selección doutros países do seu propio sistema. Nunca exportaremos o noso sistema.

En terceiro lugar, desexamos traballar xunto co resto do mundo para practicar e defender o multilateralismo, defender a orde internacional que ten como o seu núcleo as Nacións Unidas.

Por último, China desexa manter e desenvolver unha cooperación a todos os niveis co resto do mundo, baseándose no principio de respecto mutuo e beneficio compartido.

Polo momento, a tarefa máis urxente para a humanidade é consolidar a nosa colaboración na loita contra a pandemia e contra a politización das vacinas. Tamén temos que mellorar a coordinación da nosa política macroeconómica para propoñer unha economía verde e dixital, así como mellorar o sistema de goberno global para alcanzar un desenvolvemento máis verde, máis sostíbel e máis xusto para toda a humanidade.

Comentarios