A puxa dos concellos polos seus aforros provoca a primeira derrota do Goberno estatal

Néstor Rego oponse á "incautación" dos remanentes e exixe derrogar a Lei Montoro 
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, defendeu no Congreso o decreto dos remanentes (Imaxe: E. Parra / Pool / Europa Press)
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, defendeu no Congreso o decreto dos remanentes (Imaxe: E. Parra / Pool / Europa Press)

O Congreso tombou esta quinta feira, 10 de setembro, o decreto lei que recolle o acordo do Goberno coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a cesión ao Estado dos remanentes municipais provenientes dos aforros de cada concello.

O acordo logrado coa FEMP propuña que unha parte do fondo de 5.000 millóns que o Executivo prometeu repartir entre os municipios que entregasen os remanentes estivese condicionada ao número de poboación e non á cantidade do remanente.

Co rexeitamento na Cámara Baixa o decreto fica derrogado e o Executivo dixire a súa primeira derrota parlamentaria da lexislatura.

De feito, o Partido Socialista e Unidas Podemos ficaron practicamente soas na votación, sumando unicamente o deputado de Teruel Existe. O resultado foi contundente: 156 votos a prol e 193 en contra.

O Ministerio de Facenda, que dirixe María Jesús Montero, alcanzara apenas horas antes da votación un acordo cos seus socios de Unidas Podemos que permitiu o apoio da formación morada. Ese acordo consistía na creación dun fondo de 3.000 millóns de euros para a recuperación económica e social, uns fondos non condicionados que se distribuirían entre todos os concellos en función da poboación.

O deputado de Teruel Existe votou a prol convencido de que había un acordo que finalmente non fraguou. Optou polo si ao comunicárselle que había un pacto para liberar o 60% do fondo prometido e distribuír ese diñeiro entre os municipios sen condicións, tivese ou non superávit, e evitando a controvertida cesión. 

O BNG pide permitir aos  concellos usar os aforros

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno a derrogar a Lei Montoro para permitir aos concellos utilizar os seus aforros, "precisamente no momento en que máis necesarios son para abordar as medidas de protección social fronte á crise socioeconómica xerada pola emerxencia sanitaria".

O nacionalista considerou no pleno o bloqueo dos remanentes como "unha medida inxusta" que afecta "especialmente" á Galiza, "xa prexudicada polos criterios do sistema de financiamento das entidades locais, que fai que os concellos galegos teñan 50 euros menos por habitante que a media do Estado".

Rego considerou que a proposta de “negociación” que realizou a ministra de Facenda (repartir 60% do fondo en función da poboación) aínda sería máis lesivo para a Galiza, ao obviar criterios como dispersión ou envellecemento da poboación.

O pleno deixou ademais  posturas diferentes no Goberno. A vicepresidenta Nadia Calviño non descartou a posibilidade de conxelar o soldo das e dos traballadores públicos e a vicepresidenta Carmen Calvo dixo que esa cuestión non estaba sobre a mesa. 

Comentarios