Putin suspende o último tratado de armas nucleares asinado cos EUA

Putin asegurou ter información sobre a suposta implicación de terceiros países nos "intentos das Forzas Armadas de Ucraína de golpear bases estratéxicas da Forza Aérea rusa".
Vladimir Putin esta terza feira durante o discurso sobre o Estado da Nación (Foto: Kremlin / dpa).
photo_camera Vladimir Putin esta terza feira durante o discurso sobre o Estado da Nación (Foto: Kremlin / dpa).

O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, anunciou esta terza feira a suspensión da participación rusa do Novo Tratado de Redución de Armas Estratéxicas (START), o último pacto asinado con Estados Unidos (EUA) para a redución e control de armas nucleares.

Putin, que indicou que Rusia "debe estar preparada para realizar ensaios nucleares se Estados Unidos os leva a cabo primeiro", puntualizou que non se trata de "abandonar" por completo o tratado senón de "suspender a participación", tal e como aclarou durante o seu discurso perante a Asemblea Federal rusa a case un ano do inicio da guerra.

Así, cualificou de "absurdos" os chamamentos da OTAN para que Rusia cumpra co devandito tratado, especialmente despois de que os aliados da Alianza denunciasen a principios de febreiro o incumprimento do mesmo por parte de Rusia e pedisen a Moscova cumprir coas súas obrigas.

Neste sentido, afirmou que se viu "obrigado" a tomar esta decisión e acusou os países con armas nucleares de "seguir desenvolvendo o seu armamento mentres insisten en ter acceso ao ruso".

Putin asegurou ter información sobre a suposta implicación de terceiros países nos "intentos das Forzas Armadas de Ucraína de golpear bases estratéxicas da Forza Aérea rusa".

"Probas de que EUA desenvolve armas nucleares"

Segundo o presidente, Moscova ten tamén probas de que Estados Unidos está a desenvolver "novos tipos de armas nucleares" as cales podería "pór a proba in situ".

"Queren inflixir unha derrota estratéxica contra nós. Por iso teño que anunciar a suspensión do tratado. Non hai conexión entre o asunto do START e o conflito de Ucraína ou outras accións hostís de Occidente contra o noso país", manifestou.

Comentarios