Putin obtén o apoio do Senado ruso para enviar tropas a Crimea

Ianukovich, o presidente deposto, botaba de menos esta sexta feira unha maior implicación rusa. A resposta de Putin foi inmediata. O Consello da Federación rusa -o órgao de representación territorial, unha sorte de Senado- deu luz verde este sábado ao envío de tropas a Crimea.

soldiers
photo_camera Soldados rusos

O movimento de Moscova pon de relevo que Rusia non está disposta a que os EUA e a UE se fagan co control dun enclave xeoestratéxico vital para a potencia eslava.

O aparato de comunicación de Putin -con Russia Today como portavoz no cenario internacional- amplificou a mensaxe de que as tropas irán a Crimea a garantir a seguranza da frota rusa do Mar Negro e da populación rusa residente nunha república que até os anos 50 do pasado século dependía xuridica e politicamente de Moscova.

Obama advertiu a sexta feira que o despregamento militar ruso en Crimea produciría "consecuencias"

Rusia non recoñece a lexitimidade das novas autoridades de Kiev por as considerar un goberno títere ao servizo dos EUA e da UE. O confronto é tan extremo que o novo goberno ucraíno -non xurdido de ningunha votación popular e si da defección de deputados do Partido das Rexións, a formación até agora liderada por Ianukovich- ten ditado unha orde de arrestro contra o presidente deposto por o clasificar como culpábel da morte de civís indefensos. Ianukovich propio xa ten dito que en nengún caso vai concorrer ás eleccións convocadas para o 25 de Maio por Kiev, porque facelo sería tanto como recoñecer que o novo goberno é lexítimo.

O envío de tropas rusas vén precedido dunha petición expresa de axuda militar realizada polo novo primeiro ministro de Crimea, Sergey Aksyonov, para quen só a intervención armada da potencia euro-asiática podería garantir "a paz e a calma" na rexión.

Falta agora saber cal pode ser o alcance da resposta dos Estados Unidos após esta sexta feira Barack Obama ter advertido que o despregamento militar ruso en Crimea produciría "consecuencias".

Comentarios