Putin confirma a toma de Bakhmut polos rusos

As autoridades rusas confirmaron a toma da cidade de Bakhmut. O propio mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, recoñeceu implicitamente esta nova nunha comparecencia desde Xapón en compañía o presidente estadounidense Joe Biden.

Wagner
photo_camera Combatentes de Wagner dando conta onte da toma de Bakhmut. (Foto: @concordgroup_official)

O Ministerio de Defensa de Rusia  deulle veracidade a nova avanzada onte polo responsábel da compañía militar Wagner, Yevgueni Prigozhin, na que afirmaba a derrota das forzas ucraínas na estratéxica cidade de Donetsk.

O comunicado do mando militar do Executivo ruso sinala que “rematou a liberación da cidade de Artiomovsk”, nome ruso de Bakhmut, “como resultado das accións ofensivas dos grupos de asalto Wagner apoiados pola artillería e a aviación do Grupo de Forzas do Sur”.

Vladimir Putin

O propio presidente ruso, Vladimir Putin, confirmou esta nova e felicitou as súas forzas armadas e aos combatentes de Wagner. Precisamente, no seu comunicado lembrou a loita de 224 días polo control desta cidade entre as tropas rusas e ucraínas.

A declaración pública da Presidencia rusa sinala que “Vladimir Putin felicita ás unidades de asalto Wagner, así como a todos os militares das Forzas Armadas rusas que lles prestaron o apoio e a cobertura de flanco necesarios, pola culminación da operación de liberación de Artiomovsk".

O mandatario ucraíno recoñeceu implicitamente a información das autoridades rusos. Así, nun compracencia pública en compañía do presidente estadounidense Volodimir Zelenski e a pregunta da toma de Bakhmut polos rusos asegurou que “o que ten que entender é que non hai nada, destruírono todo, non hai edificios. É unha traxedia, pero neste momento, Bakhmut, está só nos nosos corazóns".

Analistas internacionais

A confirmación da caída de Bakhmut en mans rusas chegou, tamén, de fontes oficiosas de diversas chancelarías e de diferentes especialistas no conflito. Así, o analista vasco residente en México e colaborador de Nós Diario, Katu Arkonada afirma que “un ano despois da liberación de Mariupol, nada é casualidade, Bakhmut é liberada por completo”.

Arkonada entende que “isto vai facer que Occidente presione a Ucraína para sentar na mesa de negociación con Rusia” e destaca que “a operación chega ao seu fin cando as fontes da OTAN falaban dunha ofensiva dos ucraínos e cando o seu presidente participaba dun cumio do G-7”.

Eduardo Saldaña, un dos editores de El Orden Mundial e analista internacional de Onda Cero e Radio Nacional de España, confirma, tamén, a toma de Bakhmut. Nesta liña, indica que “Rusia tomou Bakhmut, si. Agora haberá que ler aos analistas militares para desentrañar que custo tivo e se mereceu a pena. O mesmo que para Ucraína, á que se lle criticou moito por aguantar na cidade”.

Saldaña entende que “o problema é que para xente como Katu esta guerra é como un partido de fútbol xeopolítico: Rusia vs a OTAN. Non ven que estamos a falar dunha invasión dun Estado, de millóns de refuxiados, de miles de mortos e vidas truncadas”.

Comentarios