luns 20.01.2020

Purgas e maior control en Turquía após o falido golpe militar

Erdogan ordenou a detención de milleiros de persoas entre militares, xuíces e fiscais.

Tayyip Erdogan
Tayyip Erdogan

Após o falido golpe de Estado en Turquía na madrugada do 15 de xullo, o goberno de Tayyip Erdogan está a desenvolver unha purga no seo do exército mais tamén na xudicatura. Por volta de 6 mil persoas foron detidas incluíndo 2.839 militares --segundo as informacións proporcionadas polo propio executivo. 

Emitiuse orde de detención contra 9 integrantes do Tribunal Supremo e máis de 2.700 xuíces foron destituídos horas despois do golpe

Unha "operación de limpeza", en verbas do Ministro de Xustiza, Bekir Bozdag, que aínda "continúa" dirixida tamén contra a xudicatura na que foron destituídos 2.745 xuíces, de acordo coa información publicada pola axencia de noticias turca, Anadolu. Aliás, foron destituídos 22 integrantes da Xunta Superior de Xuíces e Fiscais e decretouse unha orde de detención contra 9 xuíces do Tribunal Supremo. 

Para alén disto, Erdogan ordenou despregar 1.800 soldados polas rúas do país e cazas F-16 vixían o espazo aéreo turco após denunciar a desaparición de 42 helicópteros do exército que se atopaban na base militar de Incirlik. Nese lugar a OTAN mantén efectivos e é considerada un dos puntos estratéxicos pola súa posición xeográfica. De facto, é de onde despegan os avións estadounidenses que participan no conflito armado en Siria. Así as cousas, a súa actividade foi paralizada o sábado por orde gobernamental. 

Pena de morte

Entretanto, o executivo turco estuda a posibilidade de reinstaurar a pena de morte como condena para os golpistas. De igual maneira que coa defensa do seu executivo durante o golpe, Erdogan atribúe a unha demanda popular esta posibilidade. "Non podemos ignorar as peticións do pobo", dixo durante o acto oficial en lembranza das vítimas. 

"Cancelamos a pena capital [en 2004] no entanto poderán realizarse os cambios necesarios para previr o que aconteceu hoxe", dixo o primeiro ministro turco

Porén, foi o primeiro ministro do país, Binali Yildirim, o primeiro en anunciar á imprensa que a reinstauración da pena de morte estaba a ser estudada. "Cancelamos a pena capital [en 2004] no entanto poderán realizarse os cambios necesarios para previr o que aconteceu hoxe", sinalou. "O Consello Constitucional de Turquía abordará esta cuestión xunto cos partidos no Parlamento". 

Desde a UE, que previamente amosou o seu apoio ao goberno de Tayyip Erdogan, amosaron a súa preocupación polas medidas adoptadas após o golpe militar. Mais o presidente non desisten. 

Fetullah Gulen no punto de mira de Erdogan

Aliás, exixiu aos EUA a deportación do que aseguran é o instigador do golpe, Fetullah Gulen, autoexiliado en territorio estadounidense desde 1999. Trátase dun representante do movemento islámico Hizmet e unha influínte voz en Turquía desde o exterior. Embora Gulen e Erdogan se apoiaron até 2013 a relación mudou após as denuncias de Fetillah Gulen pola represión coa que o executivo turco respondeu a unhas manifestacións. A resposta de Tayyip Erdogan foi a persecución de persoas afíns ao movemento Hizmet, entre as que se atopaban xornalistas e xuíces baixo a acusación de que se estaba a xerar un estado paralelo e conspiracións para o derrocar. 

Pola súa banda, Gulen nega ter participado no golpe militar e mesmo o denunciou. Desde o goberno dos EUA reclaman a Turquía probas para estudar unha hipotética extradición. 

Aproximadamente 48 horas despois do intento de golpe militar a preocupación paira sobre a poboación, especialmente sobre as formacións da esquerda e o pobo curdo, principais obxectivos do réxime de Tayyip Erdogan para alén da situación na que se poidan atopar as persoas refuxiadas nos campamentos turcos. 

comentarios