Puigdemont rexeita a oferta da actual dirección e non presidirá o PDECat

A información avánzaa NacióDigital. A cúpula da antiga Convergència pretendía que Puigdemont asumise a presidencia do partido. O president no exilio rexeita a oferta co argumento de que neste momento debe focar a súa atención na súa situación xudicial, exposto a unha hipotética extradición.

Puigdemont, durante o seu discurso onte desde Bruxelas
photo_camera Puigdemont, nun dos discursos que ten pronunciado durante o seu xa longo exilio

O PDECat é un partido na procura dun líder. En principio o máximo dirixente ía ser Artur Mas, mais certos avatares xudiciais relativos ao financiamento irregular da antiga Convergència aconsellaron o ex president a voltar a ficar á marxe. O seguinte naipe da baralla, o movimento de ficha natural, apuntaba cara o president no exilio. Mais Puigdemont -segundo avanza NacióDigital en primicia- acaba de comunicar á cupula do partido que non conten con el. Na súa contorna afírmase que non ten tempo para as tarefas orgánicas e que todos os seus desvelos se centran nestes momentos na súa complexa situación xudicial, cun Tribunal, o de Schleswig-Holden, que está a gastar máis tempo do agardado en resolver sobre a petición de extradición formulada desde o estado español.

En todo caso, o congreso do PDECat —axendado para os próximos días 20, 21 e 22 de xullo— ten, alén do liderado, outros asuntos relevantes no seu temario, entre eles un hipotético achegamento —talvez até fusión— con Junts per Catalunya, o artefacto eleitoral montado para as eleccións do pasado 21 de decembro e que na práctica se constituíu como un aparato político ao servizo de Puigdemont, composto por persoas da súa absoluta confianza.

Puigdemont olla para esas interioridades con certa distancia. Na súa cabeza está sobre todo o seu horizonte xudicial. Leva en Alemaña desde marzo. Os seus letrados desbotan que vaia ser extraditado por rebelión, mais tamén constatan que o tribunal lle está a dar demasiadas voltas á cuestión de se o president cometeu ou non malversación de fondos ao desviar partidas públicas para o financiamento do referendo de 1 de outubro de 2017.

Comentarios