Puigdemont, xa en Bélxica, prevé incrementar a presión sobre o goberno Sánchez

Un Sánchez debilitado após se visualizar a súa fraxilidade parlamentar no debate do teito de gasto terá de lidar, á volta do verán, coa corrente soberanista catalá liderada por Puigdemont en actitude claramente de combate. "O período de graza remata", dixo este sábado, xa en Bélxica, após a paréntese alemá, o president no exilio, respaldado pola visita do president en exercicio, Quim Torra. Para Torra, o obxectivo desta lexislatura volta a chamarse referendo.

Puigdemont
photo_camera Puigdemont, Torrea e Ponsatí, desde o balcón da Casa da República

Voltou Puigdemont á súa residencia belga de Waterloo. Voltou a se reunir co resto de soberanistas no exilio, Toni Comín, Clara Ponsatí, Meritxell Serret e Lluís Puig. Voltou a se ver con Quim Torra. Ambos debruzáronse sobre o balcón da chamada Casa da República para saudar os seus simpatizantes, entre eles o rapeiro, tamén no exilio, Valtonyc.

E voltou en plena forma, após conseguir o control do PDeCAT no recente congreso da antiga Convergència. Puigdemont prepara unha axenda política moi intensa para despois do verán. O propósito é o de incrementar a presión sobre Sánchez. A idea é que os votos independentistas que viabilizaron a moción de censura a Raxoi —operación que non contou co beneplácito do president no exilio— teñan algún tipo de contrapartida. Puigdemont e Torra queren que Sánchez pase "dos xestos aos feitos".

O certo é que o calendario político en Catalunya após as ferias de verán é de vertixe. Primeiro, a Diada. Segundo, a comemoración do 1-O (o referendo que pasará á historia polas cargas policiais contra as e os eleitores cataláns) e do 3-O (a greve xeral de denuncia da represión policial). Terceiro, o xuízo aos dirixentes soberanistas procesados por rebelión, a comezar por Oriol Junqueras, o máximo referente de ERC. E cuarto, o lanzamento da Crida Nacional pola República, o movimento que vai liderar Puigdemont e no que se vai integrar a militancia do PDeCAT.

O ambiente que se vai criar en Catalunya con estes eventos liberará novas enerxías no campo independentista, calculan Puigdemont e Torra, e empurrarán Sánchez a negociar quer co Palau de Sant Jaume -sede da Generalitat- quer con Waterloo -sede do embrión da República catalá no exilio.

O problema para esta corrente do independentismo catalán (ERC ten a súa propia estratexia, máis proclive a chegar a ententes cos comúns e refractaria á formación de frentes nacionalistas) é que o Goberno Sánchez ten delimitada unha clarísima liña vermella: o referendo que demandan Pugidemont e Torra non é negociábel. Si calquera outra cousa, desde máis investimentos até un novo estatuto que deixe en nada o cepillado do Tribunal Constitucional. Mais o referendo non está nen estará sobre a mesa.

Os dirixentes do PDeCAT ven o fechamento de Sánchez a negociar o referendo como algo natural nun dirixente unionista e non agardaban nada diferente a iso. Confían, no entanto, en que unha nova vaga de mobilizacións en Catalunya poda criar o caldo de cultivo para que A Moncloa vaia alterando a súa posición. E basean parte da súa confianza no depósito de lexitimidade que para a causa independentista catalá ten suposto a derrota xudicial española na persecución de Puigdemont. Que o Tribunal Supremo tivese que retirar a euro-orde internacional contra o president no exilio indica até que punto a posición do estado español ten debilidades no escenario da Unión Europea. Puigdemont continúa a acreditar en que Bruxelas podería acabar mediando no conflito catalán a prol dunha solución negociada. Unha solución negociada que dunha forma ou doutra tería de ser submetida a referendo.

Comentarios