Puigdemont volve do exilio case sete anos despois para a sesión de investidura a pesar do risco de ser detido

Dáse por seguro que un arresto causaría a suspensión da investidura.

O ex presidente catalán Carles Puigdemont nun acto a finais de xullo polo cuarto aniversario de Junts. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O ex presidente catalán Carles Puigdemont nun acto a finais de xullo polo cuarto aniversario de Junts. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

2.473 días, case sete anos, após marchar ao exilio perante a represión desatada polo Estado español contra o independentismo catalán no marco do referendo de autodeterminación de 2017, o presidente do territorio naquela altura e actual deputado, Carles Puigdemont (Junts), anunciou a cuarta feira que “emprendín a viaxe de volta do exilio” para asistir á sesión de investidura no Parlamento catalán, que convocou a Deputación Permanente para a quinta ás 10 da maña, de Salvador Illa, líder do Partit dels Socialistes (PSC-PSOE).

Facendo énfase en que é preciso “contestar” e “confrontar” a “actitude de rebelión” que atribúe a “algúns xuíces do [Tribunal] Supremo”, que están a bloquear a implementación da Lei de amnistía, Puigdemont salientou que “se queremos que sexa unha lei que inclúa todo o mundo [en alusión ás persoas independentistas catalás represaliadas]” non “podemos calar”.

Nese sentido, e indicando que non semella que isto xere inquedanza nin no Goberno español nin no futuro Executivo catalán, que todo indica que estará liderado por Illa logo de lograr o apoio de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Comuns Sumar, cos que alcanzaría a maioría absoluta, o ex mandatario advertiu que o seu arresto “arbitrario e ilegal” sería “a evidencia da anomalía democrática que temos o deber de denunciar e combater”.

Na mesma situación está o ex conselleiro de Cultura e deputado Lluís Puig, tamén de Junts, cuxa posibilidade de regreso sen arriscarse a ser detido tras a aprobación da medida de graza se viu afectada pola decisión do Supremo de, nunha resolución de forte cariz político, rexeitar amnistiar a malversación, a mesma causa pola que se mantén a orde de detención contra Puigdemont e o ex líder de ERC, Oriol Junqueras, aínda inhabilitado.

De ser detido, Puigdemont sería posto a disposición do xuíz do Supremo Pablo Llarena, instrutor da causa polo proceso de autodeterminación, que decidiría se ingresa en prisión. Pola súa parte, o ex mandatario podería presentar un hábeas corpus, que forzaría a que un xulgado de Instrución tivese que resolver se existen motivos para o arresto, ou incluso un recurso de amparo previo no Tribunal Constitucional para suspender de forma provisoria a orde de detención.

Junts convocou un acto de “recibida institucional” no passeig de Lluís Companys, que une o Arc de Triomf co parc de la Ciutadella, no que se localiza o Parlament, unha hora antes do Pleno, que foi replicado pola Associació de Municipis per la Independència, o Consell de la República, a Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural, e na que estarán ERC e a Candidatura d’Unitat Popular (CUP).

Operativo policial

Precisamente, como detallaron pouco despois medios estatais, o parc estará completamente fechado ao público no contexto do operativo que desenvolverán os Mossos d’Esquadra, que decidiron clausurar todas as entradas agás unha pola que accederán todas as persoas acreditadas. A súa intención é proceder ao arresto antes de que Puigdemont sexa quen de acceder ao lexislativo, amais de limitar as protestas nas proximidades do Parlament, onde a ultraespañolista Vox xa convocou unha.

Os Mossos tamén realizaron unha despregadura nos lindes entre o Estado francés, no que fixou nos últimos meses Puigdemont a súa residencia, e Catalunya, pero sen un control exhaustivo dos pasos fronteirizos e coa presenza policial concentrada en Barcelona.

No caso de que sexa detido dáse por segura a suspensión da sesión de investidura, un punto no que concordan Junts, ERC e Comuns Sumar e unha posibilidade que foi corroborada por Josep Rull (Junts), presidente do Parlament, que incidiu en que nesas condicións “non podo aceptar que o Pleno se desenvolva con normalidade”.

Sobre a duración da suspensión, dixo que depende dos “termos” nos que se produza o arresto ou de se é liberado rapidamente, un aspecto que tanto ERC como Comuns Sumar apuntan que non porá en cuestión o apoio a Illa, o que implica que non se estendería até o 26 de agosto, data na que ficarían convocados comicios se ningunha persoa é escollida para dirixir a Generalitat.

A chegada de Illa á Presidencia afonda na fractura do movemento independentista

A perda da maioría absoluta que ostentaban as forzas soberanistas catalás desde 1984 chegou logo do incremento dos enfrontamentos entre as dúas principais formacións políticas do movemento independentista, Junts e ERC, que tivo o seu maior expoñente na saída de Junts en 2022 do Goberno de Pere Aragonès (ERC).

O propio Puigdemont acusou ERC, coa súa decisión de investir Illa como presidente, de facer que a súa detención "sexa unha posibilidade real", ao que reaccionou ERC exixindo que deixe de "azuar o odio" entre independentistas após asegurar que "non debería deixarse deter". No tocante ao pacto de investidura, que a CUP considerou a "morte do procés", Aragonès defendeu que “será o tempo o que dirá se houbo un cambio de época” na política catalá.

Comentarios