Puigdemont viaxa a Copenhague aínda a risco de ser detido

Novo paso na súa estratexia de internacionalización do conflito. Carles Puigdemont viaxa esta segunda feira a Dinamarca para participar nunha palestra. Dada a brevidade do deslocamento (só estará unhas horas en Copenhague), o Estado español podería ter problemas á hora de activar con eficacia a euroorde para a súa detención.

puigdem
photo_camera Puigdemont, no aeroporto de Bruxelas esta segunda feira

Puigdemont é perfeitamente consciente do risco que corre ao viaxar a Copenhague. Este domingo, o seu avogado declarou que podería ser retido en Dinamarca, o que impediría a súa participación física na sesión de investidura do Parlament (aínda que xa non pensaba acudir a ela). Vai de todos xeitos porque a súa saída física de Bélxica (país no que se atopa desde 28 de Outubro) contribuirá a internacionalizar o conflito, moito máis tendo en conta a súa condición de candidato in pectore á reelección como president após gañaren as formacións independentistas, en número de escanos, as eleccións de 21 de decembro.

En Copenhague está previsto que participe ás 14 horas nun acto no Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Copenhague sobre o procés catalán e os seus efeitos sobre a política europea, e logo terá un encontro cunha representación de parlamentares dinamarqueses.

A Fiscalía anunciou nun comunicado que pedirá ao xuíz Llarena que active a euroorde se, como finalmente aconteceu, Puigdemont viaxaba a Dinamarca. Hai, porén, un problema de orde material: a estancia vai ser tan breve que é dubidoso que se poda efectivizar a súa detención.

A pretensión española de deter Puigdemont para lograr a súa extradición posterior bate, aliás, con outro obstáculo: en DInamarca, ao igual que en Bélxica, tampouco existe o delito de rebelión. Llarena podería, portanto, non activar a euro-orde para non se ver obrigado a retirala, como xa fixo perante a perspectiva da xustiza belga ter recusado a súa petición.

Puigdemont, candidato

A viaxe de Puigdemont a Copenhague -cidade á que chegou ás 8.30 horas após tomar un avión en Bruxelas ás 7 horas- prodúcese, aliás, a mesma segunda feira en que está previsto que Roger Torrent, president do Parlament, anuncie que é o candidato que reúne maiores apoios para ser investido novo titular da Generalitat.

Comentarios