O líder soberanista pide unha mediación

Puigdemont retrúcalle a Filipe VI: "Así non"

Xusto 24 horas despois do discurso do chefe de estado español chegou a resposta do president da Generalitat, Carles Puigdemont. Cunha escenografía moi coidada, a procurar o efeito dunha resposta institucional de igual a igual, a réplica do líder soberanista a Filipe VI foi moi clara: "Així no" (así non). Puigdemont rexeitou o discurso do monarca e pediu unha mediación internacional para o conflito político entrar en vías de solución.

Puig
photo_camera Puigdemont, durante o seu discurso

Na súa comparecencia -programada non por acaso ás 21 horas, a mesma hora en que onte discursou o chefe do Estado español- o president do Govern interpelou directamente Filipe VI: "Així no [así non]. Coa súa decisión de onte decepcionou moita xente en Catalunya que o apreza e que o ten axudado en momentos difíceis, xente que agardaba outro ton e un apelo ao diálogo e á concordia".

Contundente, acusou El-Rei de asumir un "papel inadecuado" ao servizo das "decisións" dun goberno español que, dixo, tenciona liquidar "as aspiracións de soberanía do pobo catalán". O Govern, enfatizou, non pode "nen partillar nen aceitar" as mensaxes que Filipe VI tería dirixido só "a unha parte da populación catalá", a deixar fóra do seu discurso a maioría independentista do país, á que non tendeu en ningún momento pontes para o diálogo.

Reprochou o chefe do Estado español que non fixese a menor alusión "aos cataláns que sofreron unha violencia policial que conxelou o corazón a medio mundo".

Alén das súas críticas a Filipe VI por se enfeudar ás estratexias represivas do PP, Puigdemont -que en ningún momento da alocución se referiu á declaración unilateral de independencia na que apostou esta terza feira nunha entrevista na BBC- si considerou que ten chegado o momento da "mediación internacional" para resolver o conflito. 

O lehendakari Urkullu expresou o seu apoio esta cuarta feira a esta demanda de mediación internacional. Puigdemont avanzou que que nas últimas horas ten recibido "propostas" nese sentido, sen revelar cais foran

Comentarios