O avogado de Puigdemont confirma o seu regreso a Catalunya malia a orde de detención do Supremo

Gonzalo Boye asegurou que o líder de Junts asistirá ao debate de investidura no Parlament de Catalunya.
O líder de Junts, Carles Puigdemont (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).
photo_camera O líder de Junts, Carles Puigdemont (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).

"Nunca lle preocupou unha detención" afirmou o letrado Gonzalo Boye para confirmar que Carles Puigdemont regresará a Catalunya para asistir ao debate de investidura malia a orde de detención que pesa sobre el.

Tras se publicar esta terza feira a lei de amnistía no Boletín Oficial do Estado (BOE), o xuíz Pablo Llarena confirmou que mantén a orde de detención contra Carles Puigdemont, Toni Comín, Lluís Puig e Marta Rovira.

Así, sobre a posibilidade de que Puigdemont sexa detido cando regrese a Catalunya e se produza unha situación similar á que aconteceu con Clara Ponsatí –detida e posta en liberdade ás poucas horas– Boye apuntou que "o máis normal sería que non o arrestasen", declarou nunha entrevista concedida a RAC1, porén, engadiu, "estamos preparados para todos os escenarios".

Decisións xudiciais 

Boye remarcou que Carles Puigdemont nunca fuxiu de Catalunya xa que "estivo a súa residencia en Bruxelas antes de que se iniciase un proceso penal. Non sei onde está o risco de fuga, cada vez que foi citado en diferentes países alí estivo".

O avogado recoñeceu que lle preocupa que o xuíz Llarena deixe fóra da amnistía o delito de malversación, aínda que asegurou que "a lei está clara, o que está a facer é interpretar o artigo 2 da lei de forma tendenciosa".

A Comisión de Venecia "deixou moi claro que a malversación forma parte dos actos de amnistía

Con todo, se o Tribunal Supremo decide deixar a malversación fóra da amnistía "impoñeranse os recursos correspondentes", insistiu Boye, quen remarcou a claridade da lei: "Un xuíz debe interpretar a lei e non reescribila".

En relación ao delito de terrorismo, Boye asegurou que se os xuíces o deixan fóra da amnistía irán a Europa. "O TXUE deixarao ben claro. Non houbo delito de terrorismo".

Gonzalo Boye recomendou aos fiscais do Tribunal Supremo –que veñen de pronunciarse en contra de amnistiar a malversación– que fagan "unha lectura tranquila e exhaustiva" da lei de amnistía, e engadiu que a Comisión de Venecia "deixou moi claro que a malversación forma parte dos actos de amnistía".

Puigdemont, de novo en Catalunya

Sobre o regreso do líder de Junts, Boye afirmou que "a gran maioría dos cataláns estarán moi contenta", pero recoñeceu que todo pode pasar. "Levamos sete anos preparados para todos os escenarios".

Puigdemont asegurou antes das eleccións do 12-M que volvería a Catalunya para o debate de investidura, un compromiso firme que defenderon varios membros de Junts per Catalunya.

O correlixionario de Puigdemont Josep Rull, elixido a comezos desta semana como presidente do lexislativo catalán grazas a un acordo con Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e a Candidatura d’Unitat Popular (CUP), decidiu fixar o primeiro pleno de investidura para o 25 de xuño.

A terza e cuarta feira da vindeira semana desenvolverá unha rolda de contactos coas formacións políticas con representación para dilucidar que candidatura, se a de Puigdemont ou a de Salvador Illa (Partit dels Socialistes, PSC-PSOE), conta con máis apoios para propola para a investidura.

Outra das opcións que ten é transmitir ese día ao Pleno que non lle foi posíbel propor ningún deles se lle informan de que non contan con apoios dabondo. Tanto neste caso como se algún dos candidatos se somete finalmente á sesión de investidura e non logra ser elixido comezará unha conta atrás de dous meses tras a que serán convocadas eleccións de forma automática.

Comentarios