Catalunya

Puigdemont a Rajoy: Vai devolver os cartos que gastou na guerra sucia?

O president da Generalitat, Carles Puigdemont reaccionou a través das redes sociais á decisión do Goberno central de Mariano Rajoy de esixirlle á Generalitat que xustifique todos os gastos semanalmente baixo a ameaza de lle cortar a billa do Fondo de Liquidez Autonómico.

Mariano Rajoy e Carles Puigdemont
photo_camera Mariano Rajoy e Carles Puigdemont nunha imaxe de arquivo

A través do Twitter, Puigdemont respondeu á decisión do Goberno central de controlar os gastos da Generalitat para evitar que se realice o referendo. O president fíxoo mediante interpelacións a Rajoy. “Vai devolver os cartos destinados á guerra sucia do Estado español?” “Vai devolver os cartos do resgate das radiais de Madrid?”, “Vai devolver os cartos do resgate da banca?”, “Vai devolver os cartos do proxecto Castor?”, preguntou Puigdemont.

O máximo responsábel da Generalitat tamén lembrou as partidas de investimentos orzadas para Catalunya que non se executaron, así como o feito de que o Estado cobre intereses do Fondo de Liquidez Autonómico.

O Boletín Oficial do Estado publicou este sábado a medida do Goberno central, que requirirá o certificado dos gastos da Generalitat desde xaneiro para comprobar se se destinaron cartos públicos á convocatoria do referendo do 1 de outubro. Aliás, encetará co control dos gastos do goberno a partir desta cuarta feira, 26 de xullo.

En Común Podem, ERC e o PDECat xa solicitaron no Congreso a comparecencia do ministro español de Facenda, Cristóbal Montoro. No seu departamento saltou a alarma após detectaren un gasto de máis de 6 mil euros no capítulo de xestión e seguimento de procesos electorais, ao sospeitar que se trataba dunha partida destinada ao referendo.

Comentarios