Puigdemont procura internacionalizar o conflito cunha viaxe surpresa a Bruxelas

Meios como El Periódico de Catalunya e La Sexta afirman que Puigdemont vai pedir asilo político en Bélxica.

Puig Europa
photo_camera Puigdemont, Romeva e Junqueras, nun acto no Parlamento europeu.

Puigdemont e cinco dos seus consellers están na capital da UE nunha viaxe surpresa que neste momento é en si propia un enigma.

A televisión pública catalá acaba de informar que o único que se sabe certo da viaxe presidencial é que Puigdemont se atopa en Bruxelas e que esta terza feira se dirixirá desde ela ao pobo catalán. Non está fixado nen o lugar nen o horario da comparecencia.

Os ruxes-ruxes están á orde do día. Todo indica que o president estaría a manter contactos políticos con dirixentes soberanistas de nacións sen Estado, alén de ter tido reunións de traballo con xuristas sobre o contido concreto da querela apresentada pola Fiscalía Xeral do Estado contra el e o Govern por un delito de rebelión.

Outros meios -La Sexta e El Periódico de Catalunya- avanzan que Puigdemont vai pedir asilo político en Bélxica. Aponta nesa dirección o facto de o secretario de inmigración belga, Theo Francken, ter dito este domingo que vía factíbel outorgar estatuto de asilado ao president da Generalitat, embora con posterioridade esa porta fora fechada polo primeiro ministro, o francófono Charles Michel. Francken é un dirixente da Alianza Neo-Flamenga, partido soberanista que aspira á independencia de Flandes.

A televisión pública catalá acaba de informar que o único que se sabe certo da viaxe presidencial é que Puigdemont se atopa en Bruxelas e que esta terza feira se dirixirá desde ela ao pobo catalán

"Os cataláns que se senten politicamente ameazados poden solicitar asilo en Bélxica. Puigdemont tamén pertence a eles. Iso é totalmente legal", dixo Francken, en tanto que Michel -que dirixe un complexo goberno de coligazón formado por catro forzas políticas- deitou auga na hipótese do asilo político a Puigdemont ao afirmar que "o asilo non está á orde do día. Reiteramos o noso chamado ao diálogo e pídolle a Theo Francken que non bote gasolina ao lume".

En calquera caso, a viaxe de Puigdemont mostra que o president continúa a desacatar o 155 e que a súa intención é a de denunciar perante a comunidade internacional o golpe inflixido polo Estado ao autogoberno de Catalunya.

Na batalla por conquistar o favor da opinión pública internacional, Puigdemont vaise esforzar en comunicar que o Estado carece de lexitimidade -e mesmo de sustento legal- quer para aplicar o artigo 155 -que non contempla explicitamente a suspensión da autonomía ou a disolución dunha asemblea lexislativa autonómica- quer para procesar os membros do Govern por rebelión -ao non concorrer o suposto da violencia na declaración de independencia producida a pasada sexta feira 27-O.

A viaxe de Puigdemont mostra que o president continúa a desacatar o 155 e que a súa intención é a de denunciar perante a comunidade internacional o golpe inflixido polo Estado ao autogoberno de Catalunya

Aliás, Puigdemont acharíase neste momento nun lugar "discreto e seguro", confirmaron fontes da Generalitat a Vilaweb. Non está só. Viaxaron con el até cinco consellers: Joaquim Forn (PDeCAT), Meritxell Borràs (PDeCAT), Antoni Comín (independiente), Dolors Bassa (ERC) y Meritxell Serret (ERC). 

É este o embrión dunha sorte de Govern catalán no exilio que manteña a legalidade catalá alternativa á española até as eleccións do 21-D ás que xa teñen anunciado que concorrerán ERC e o PDeCAT? Sairemos de dúbidas esta terza feira.

Comentarios