Puigdemont presenta en Bruxelas a candidatura de Junts per Catalunya: "Esta é a lista que Rajoy non quere que gañe"

Insta derrotar “o artigo 155” nas eleccións “máis transcendentais da historia de Catalunya”

puigdemont catalunya
photo_camera Imaxe: JxC

Carles Puigdemont presentou este sábado en Bruxelas a candidatura Junts per Catalunya, que el mesmo encabeza para as eleccións do 21 de decembro. Puigdemont defende a necesidade de crear listas plurais e transversais pois o actual momento “transcende os partidos”. O que toca, dixo, é ser “militantes de Catalunya”. O president electo definiu a candidatura que lidera como a “alternativa ao medo e a alternativa da esperanza” e afirma que a lista de JxC “vén traer dignidade, esperanza e unidade”.

Asegura tamén que a candidatura de Junts per Catalunya é a que Rajoy “non quere que gañe” e asegurou que nestas eleccións a sociedade catalá “ha de dicir ao Estado, a Europea e ao tripartito do 155 que en Catalunya a democracia non se toca”. Así, definiu o 21D como “as eleccións máis transcendentais da historia de Catalunya”.

Tivo no seu discurso unha crítica á Unión Europea polo seu apoio “acrítico” e “inmoral” ao Estado español na súa actuación en Catalunya. “Se Europa quer dar leccións de autoridade moral a outros países do mundo, o que ten que facer é evitar que na súa casa se vulneren dereitos civís”.

Puigdemont, que tivo un recordo para os membros do Govern, ANC e Omnium encarcerados, acabou a súa intervención preguntando aos partidos constitucionalistas se, de gañar o independentismo, “aceptarán os resultados”.

Comentarios