Puigdemont pide apartar o xuíz Llarena por amosarse parcial

A defensa do ex president catalán Carles Puigdemont solicitou ao instrutor do procés, o maxistrado Pablo Llarena, que se aparte da causa por falla de "imparcialidade" e que proceda a anular as ordes de detención contra Puigdemont. De non se produciren ambos requirimentos, o avogado de Puigdemont anunciou que formulará un incidente de recusación contra o xuíz. 
 
O xuíz Pablo Llarena saíndo do Supremo (Parra / EP)
photo_camera O xuíz Pablo Llarena saíndo do Supremo (Parra / EP)

A suspensión da orde estatal europea e internacional de busca, captura e ingreso en prisión contra o ex president da Generalitat, Carles Puigdemont, é a nova demanda que apresentou a defensa do político soberanista no día de hoxe, 26 de decembro. O avogado do ex mandatario catalán, Gonzalo Boye, solicitou tamén ante o xuíz Pablo Llarena que se aparte da causa "por carecer da máis mínima aparencia de imparcialidade". 

O letrado exixiu tamén a anulación de calquera tipo "de medida cautelar que subsista" contra o ex president, incluíndo todas aquelas que se ditaran antes de este ser membro do Parlamento europeo por consideralas "incompatíbeis" coa inmunidade que, como deputado en Bruxelas, corresponde a Carles Puigdemont.

Así mesmo, o avogado exhortou ao Tribunal Supremo a declarar "que non procede a adopción de medida algunha privativa de liberdade ou restritiva da liberdade de movementos" contra Puigdemont e pediu, por último, o sobresemento da causa contra o ex president aos feitos imputados non seren "constitutivos de delito algún". 

A defensa do político exiliado responde desta maneira á solicitude de informes que Pablo Llarena realizou á Avogacía do Estado e ás defensas após o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ditar que Oriol Junqueras debería ter gozado de inmunidade desde o pasado 13 de xuño, día en que a Xunta Electoral Central confirmou os resultados definitivos dos comicios europeos de 26 de maio.

A sentenza do TXUE recoñeceu Junqueras como europarlamentario, pese ao Tribunal Supremo español terlle impedido abandonar a prisión para recoller a acta, cuestión que o Estado impuxo como condición para calquera persoa electa poder ser considerada eurodeputada. Foi, por tanto, o líder de ERC xulgado por Llarena sen terse respectado a súa inmunidade. 

Este fallo do Tribunal europeo realizado a 19 de decembro implicou que, o día seguinte, Puigdemont e o ex conseller exiliado Toni Comín foran tamén recoñecidos como europarlamentarios e que puidesen recoller a súa acta en Bruxelas, sen teren que xurar o cargo en Madrid, xa que serían detidos. 

Deste modo, a defensa de Puigdemont pide a retirada das ordes de detención "por seren ditadas sen fundamento legal e sen a previa autorización do Parlamento Europeo". O escrito alude igualmente á Constitución española, en cuxo artigo 71.2 dita que durante o período do seu mandato, as e os deputados e senadores gozarán así mesmo de inmunidade e só poderán ser detidos en caso de flagrante delito.

Puigdemont resposta ao discurso de Filipe VI

O ex mandatario catalán Carles Puigdemont tamén se pronunciou publicamente con motivo do discurso de Noite Boa do rei Filipe de Borbón, quen asegurou que Catalunya é "unha seria preocupación".

O anterior president da Generlitat escribiu nas súas redes sociais que Catalunya "é unha preocupación que ningún Goberno quixo atender". Ademais, tamén escribiu en Twitter: "grazas sobre todo, ao seu 'a por ellos' miserábel, e nunca rectificado, que entoou -en referencia ao rei Filipe VI- no seu discurso de 3 de outubro de 2017. Púxose á cabeza da represión. Non o esqueceremos nunca". 

Fica en liberdade o quinto membro dos CDR detidos

A sala do penal da Audiencia Nacional acordou no día de hoxe deixar en liberdade baixo fianza de 10.000 euros Alexis Codina, o quinto membro dos Comitès de Defensa de la República (CDR) que fora detido a 23 de setembro en Catalunya.

A resolución chega após estimarse parcialmente o recurso da defensa, concluíndo que o independentista non posuía explosivos no seu domicilio, o cal fora sinalado como laboratorio destes materiais.

Así, a nova resolución deu a coñecer que, durante a investigación elaborada polo persoal técnico da Garda Civil no inmóbel, non se atoparon "referencias de existencia de explosivos e si unicamente de substancias que debidamente mesturadas e seguindo os correspondentes procedementos técnicos puideran chegar a converterse en explosivos (precursores), dispoñendo de documentos con información para elaborar explosivos". 

Alexis Codina será, ao depositar a fianza, o quinto dos sete membros dos CDR encarcerados que sairá da cadea, co que só ficarán dúas persoas detidas. 
 

Comentarios