Catalunya

Puigdemont denuncia un "golpe de estado híbrido" de xuíces e policías contra as institucións do Estado español

Ao seu xuízo, grupos organizados formados por policías, xornalistas, xuíces e empresarios, así como xuíces do Tribunal Supremo que non aplican as leis aprobadas no Congreso español, tratan de "subverter as decisións do Parlamento e intervir o funcionamento das institucións do Estado".
Carles Puigdemont (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).
photo_camera Carles Puigdemont (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).

O ex president catalán e candidato de Junts á Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, denunciou un "golpe de estado híbrido" de xuíces e policías contra as institucións democráticas do Estado español.

O ex president alertou en redes sociais de que "como visibelmente non son gardas civís entrando no Congreso coa metralleta na man, o golpe de Estado non é percibido como tal", aínda que o resultado o mesmo.

Ao seu xuízo, grupos organizados formados por policías, xornalistas, xuíces e empresarios, así como xuíces do Tribunal Supremo que non aplican as leis aprobadas no Congreso español, tratan de "subverter as decisións do Parlamento e intervir o funcionamento das institucións do Estado".

Puigdemont tamén opinou que o problema non é só este, senón que aquel que ten "a responsabilidade de protexer a democracia, mira cara a outro lado e inhíbese de tomar decisións, coa inxenua pretensión de que así estarán a salvo das poutadas golpistas", en referencia ao Goberno español.

Ademais, criticou que como o contexto actual "non é exixente en termos de dereitos fundamentais e liberdades como fora no pasado, os golpistas actúan desbocados", mentres que o crecemento da intolerancia e o autoritarismo ampáraos e anímaos, nas súas palabras.

O xuíz Aguirre segue adiante coa 'trama rusa'

A xuíz do Tribunal Supremo (TS) a cargo da instrución do 'caso Tsunami Democràtic' acordou esta terza feira o arquivo da causa penal aberta por terrorismo contra o ex president catalán Carles Puigdemont e o deputado de ERC no Parlament Ruben Wagensberg.

A maxistrada Susana Polo adoptou esta decisión tras recibir o auto polo que o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón arquivou a causa de 'Tsunami', despois de que a Sala do Penal invalidase todas as dilixencias acordadas nos últimos tres anos porque se prorrogou a investigación o 30 de xullo de 2021, 24 horas fóra de prazo.

Porén, esa mesma xornada, o titular do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, Joaquín Aguirre, que investiga a denominada 'trama rusa' do 'procés', denegou a amnistía ao ex president Puigdemont e os outros 12 investigados na causa argumentando que poderían incorrer en delitos de alta traizón e malversación, e engade un novo ilícito de pertenza a organización criminal.

Previamente, o ex president da Generalitat catalá Carles Puigdemont, o xefe da súa oficina, Josep Lluís Alay, e mais o avogado, Gonzalo Boye, presentaron esta terza feira unha querela contra o titular do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, Joaquín Aguirre, pola presunta comisión dos delitos de prevaricación e malversación.

Recurso contra a decisión de Llarena

Esta semana, a defensa do ex president catalán Carles Puigdemont recorreu a decisión de xuíz do Tribunal Supremo instrutor do procés, Pablo Llarena, de non amnistiar a malversación pola que está procesado en rebeldía e acusouno de "ignorar deliberadamente" a lei.

"Contrariamente ao que sostén a resolución impugnada para tratar de dar aparencia de xuridicidade ao que non é senón absoluta arbitrariedade, non existiu, en ningún dos procesados na presente causa, propósito de enriquecemento de ningunha clase que permita excluír a aplicación da amnistía ao delito de malversación", sinala a defensa, que e incide en que "tampouco se afectou de ningún modo" aos intereses financeiros da Unión Europea.

Así consta no recurso de reforma que o seu avogado, Gonzalo Boye, presentou esta segunda feira contra o auto que Llarena ditou o pasado 1 de xullo no que acordaba non aplicar a lei de amnistía ao delito de malversación que se lle atribúe ao líder de Junts.

A defensa acusa o maxistrado de facer unha interpretación "completamente insostíbel" da lei de amnistía e de incorrer en "quebras lóxicas e contradicións tan evidentes" que, ao seu xuízo, "basta a lectura" da norma para "apreciar o arbitrario da resolución" do xuíz.

Comentarios