mércores 03/03/21

Puigdemont defende a súa inmunidade na Eurocámara

Os cataláns dispuxeron de 15 minutos para reclamar o rexeitamento do suplicatorio
Puigdemont, Ponsatí e Comín na Eurocámara, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Puigdemont, Ponsatí e Comín na Eurocámara, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O ex presidente da Generalitat e eurodeputado por Junts per Cataluya (JxCAT) Carles Puigdemont compareceu esta quinta feira a porta fechada ante a comisión do Parlamento europeo. O comité debe decidir sobre o suplicatorio que o Tribunal Supremo español solicitou para que se levantase a inmunidade do ex presidente así como tamén dos ex conllers e eurodeputados Toni Comín e Clara Ponsatí, que tamén compareceron onte. 

A comisión sobre os Asuntos Xurídicos da Eurocámara (Juri) examinou os expedientes dos tres eurodeputados por separado, onde Puigdemont foi o primeiro en comparecer, seguido de Comín e por última, Ponsatí. As audiencias estaban compostas por unha exposición de 15 minutos máximo na que os políticos expuxeron os seus argumentos, seguida dunha ronda de cuestións dos eurodeputados que forman a comisión Juri.

Tras este intercambio os cataláns tiveron que deixar cadansúa sesión para que a comisión continuase una discusión a porta fechada sobre o seu expediente. Após este debate o relator será o encargado de redactar o informe que propoña a posición da Eurocámara, texto que será sometido primeiro ao voto da comisión e despois a pleno.

Trátase, nesta ocasión, do conservador búlgaro Angel Dzhambazki, que comparte grupo (Conservadores e Reformistas Europeos) coa delegación de Vox e cos flamencos de Nova Alianza Flamenca (N-VA). 

Para levar a cabo todo este proceso, precísanse entre catro e seis meses de traballo, polo que é pouco probábel que a Eurocámara poida responder aos suplicatorios antes dos meses de marzo ou abril. 

Cinco de 55

O regulamento da Eurocámara permite rexeitar un suplicatorio se está motivado por opinións ou votos do eurodeputado no exercicio das súas funcións e tamén se se dá un caso de fumus persecutionis, é dicir, cando se conclúe que a intención da petición é “prexudicar a actividade política dun deputado e, en consecuencia, a independencia da institución”. 

O Parlamento europeo recibiu ao longo da pasada lexislatura 55 suplicatorios de autoridades xudiciais dos Estados membros, solicitando que se levantase a inmunidade dalgún dos seus deputados e soamente rexeitou suspender esta protección en cinco dos casos. A inmunidade parlamentaria garante que un eurodeputado non sexa obxecto de persecución política.

comentarios