"A querela da Fiscalía persegue ideas, non delitos"

Puigdemont continuará en Bruxelas mentres non receber garantías de ter un "xuízo xusto"

O president negou que viaxase a Bruxelas a tramitar unha petición de asilo. Puigdemont enfatizou que se acha en Bruxelas non na súa calidade de cidade belga, senón na súa condición de capital da Unión Europea. Puigdemont -acompañado por 7 consellers, os 5 que se desprazaron inicialmente con el a Bélxica e 2 máis vindos de Irlanda- denunciou o "desexo de vinganza" do Estado español.

Screen Shot 2017-10-31 at 13.22.36
photo_camera Puigdemont, nun momento da súa comparecencia entre dúas conselleiras

O Govern continúa operativo, é lexítimo e non acata a súa destitución. Primeira mensaxe de Puigdemont. Segunda: non ten intención de escapar á acción da xustiza española, mais non se moverá de Bruxelas mentres non receber garantías de que poda ter un xuízo "xusto e independente, con división de poderes".

Terceira mensaxe: o Govern está en Bruxelas, mais tamén en Catalunya -onde fican Junqueras e o resto dos consellers, encarregados de xestionar o día a día até as eleccións do 21D.

Puigdemont revelou que a estratexia do Govern foi decidida nunha reunión a pasada sexta feira á tarde (paralela á aquela en que o consello de ministros activou o 155). Nesa xunta resolveuse pór en marcha catro liñas de actuación: a) ir a Bruxelas para "no corazón de Europa" denunciar a "politización" e falta de neutralidade do poder xudicial español, proba do "déficit democrático" do Estado español; b) manter operativo o Govern; c) apoiar as iniciativas de "sindicatos e cargos institucionais" que tentan "evitar a aplicación do artigo 155" para manter vivo o autogoberno de Catalunya e d) tomar as eleccións do 21D como un "reto democrático".

A determinación do Govern sería, pois, aceitar o desafío que lle formula Madrid cunhas eleccións que a Moncloa plantexa como unha sorte de plebiscito arredor do 155.

Nese sentido, Puigdemont avanzou que o soberanismo aceitará os resultados do 21D, foren os que foren, mais se perguntou se o "Goberno do 155" fará o propio na eventualidade de o bloco independentista revalidar a súa maioría no Parlament.

Non pedirá o asilo

"Non estou aquí para pedir o direito de asilo. Non estou aquí en Bélxica, senón na capital de Europa. Estou aquí para actuar con liberdade e seguranza", dixo.

Interpelado por un xornalista sobre se se vai pór a disposición da xustiza española, Puigdemont dixo que o faría de maneira imediata se "tivese garantía dun tratamento xusto", que non é o que cabe neste momento agardar da actuación do Estado en Catalunya, engadiu.

"Máxima prioridade: evitar a violencia"

Todo o feito polo Govern desde o 27O -día da declaración da indepencia e da activación do 155- até agora veu ditado por unha determinación, a de conducir os acontecimentos "sempre pola vía da paz e do diálogo", a máxima prioridade, dixo, "da maioría da sociedade catalá e do Govern".

Screen Shot 2017-10-31 at 12.53.23Esa determinación pacifista é a que tería levado ao Govern a "non pór os funcionarios públicos nunha situación difícil e a non os obrigar a tomar partido" por unha das dúas legalidades en conflito, a catalá -DUI- e a española -155.

Esa decisión de non comprometer os servidores públicos -pola súa condición de tais deben ser neutrais nun conflito político, remarcou Puigdemont- tería como consecuencia "ralentizar" o procés, dixo o president, quen en todo caso antepuxo o desenvolvimento pacífico dos acontecimentos a calquera outra consideración.

Nunha intervención en que Puigdemont se revelou como un consumado políglota -falou catalán, español, francés e inglés- houbo tamén un momento para dirixir á sociedade catalá unhas palabras carregadas de solemnidade: "Pido aos cataláns que se preparen para un camiño longo. O Estado español só entende o uso da forza". E nese campo, o da violencia, o soberanismo nunca vai xogar, proclamou.

Comentarios