Junqueras e os consellers asumirán o 155 por imperativo legal para participar na campaña

A mudanza de estratexia está a piques de se consumar. O obxectivo, abandonar a prisión (á espera, en todo caso, de xuízo) para participar na campaña do 21-D. Oriol Junqueras e os consellers pasan de non contestar ás perguntas da Fiscalía a demandar que o xuíz Pablo Llanera lles tome declaración. Nese trámite afirmarían -de acordo coas fontes consultadas por ElNacional.Cat- asumir o 155 por "imperativo legal".

Junqueras
photo_camera Oriol Junqueras, á súa chegada á Audiencia Nacional

Unha asunción puramente formal do 155 e das súas consecuencias -xémea a que en tempos facían os cargos de Herri Batasuna durante os anos de existencia de ETA. Esa é a nova estratexia que empregarán Oriol Junqueras e os consellers encarcerados pola xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela agora que a causa pasa á xurisdición do maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llanera.

As defensas de Junqueras e os consellers rexistarían esta terza feira no Tribunal Supremo un escrito en que afirman que, desde a discrepancia política, asumen o artigo 155 -en virtude do cal Madrid destituíu o Govern, disolveu o Parlament e convocou as eleccións do 21-D- e fano exclusivamente por "imperativo legal".

O que pretenden Oriol Junqueras e os consellers é obter o mesmo tratamento que receberon Carme Forcadell e os integrantes soberanistas da Mesa do Parlament, postos en liberdade con fianza polo xuíz Llanera unha vez que declararon acatar os efeitos do 155.

En todo caso, no seu escrito ao Supremo reafirman a súa convicción de que o Goberno do Estado non tiña competencias para destituír o Govern -o teor literal do artigo constitucional non llas dá- e invocan o direito de participación política de Junqueras -número un da candidatura de ERC- e dos consellers para demandar a súa liberación con vistas a tomaren parte nas eleccións.

O mesmo camiño vano tomar tamén os presidentes da Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural -Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, respectivamente- encarcerados por decisión de Lamela. Sànchez figura na candidatura do PDeCAT que encabeza Carles Puigdemont.

Comentarios