Puigdemont e os catro consellers entréganse á Policía belga

O president Carles Puigdemont e os catro consellers da Generalitat que permanecen en Bélxica desde comezos desta semana decidiron entregarse esta mañá á Policía belga ás 9 horas e 17 minutos despois de coñecer que a fiscalía de Bruxelas tiña a intención de ordenar as súas detencións para dar resposta ás solicitudes de extradición por parte da Audiencia Nacional española.

Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital
photo_camera Puigdemont, esta semana na capital belga. Foto: NacióDigital

Os cinco políticos, acompañados polos seus avogados, acudiron ás 9:17 deste domingo a unha comisaría en Bruxelas para entregarse. Carles Puigdemont, Clara Ponsatí, Toni Comín, Lluís Puig e Meritxell Serret serán interrogados por un xuíz de instrución esta tarde. E será ese maxistrado o que tome a decisión de mantelos en prisión provisional ou deixalos en liberdade limitada. En calquera caso, o xuíz dispón dun prazo de 24 horas para adoptar algunha desas medidas ou rexeitar a orde de extradición. 

Sobre o president da Generalitat e os catro consellers pesa unha orde europea de detención a petición da Audiencia Nacional, que pretende xulgar aos políticos cataláns por delitos de sedición, rebelión e malversación de fondos públicos. 

A fiscalía de Bruxelas compareceu esta mañá, minutos despois de que se coñecese a entrega voluntaria dos políticos perseguidos, para advertir que as autoridades xudiciais belgas cumpriran o seu mandado e que se iniciaba o procedemento para determinar se debían ser extraditados ou non a España. Segundo fontes xudiciais, o proceso podería dilatarse durante máis de dous meses, prazo no que Catalunya vivirá un novo proceso electoral (o 21 de decembro) e a formación dun novo Parlament. 

Gilles Dejemeppe, o portavoz de la Fiscalía belga en Bruxelas, sinalou que a entrega de Puigdemont e os seus compañeiros fora "voluntaria" e que inmediatamente se lles informou da orde internacional que pesaba sobre eles.